• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Unha decena de granxas eco ofrécense para acoller prácticas da FP Dual de Produción Agroecolóxica no IES de Arzúa

A falta de man de obra cualificada para traballar no campo fai que sexa un problema en granxas ecolóxicas e nas que non o son. Cada vez son máis os coñecementos técnicos e zoosanitarios que teñen que ter os traballadores dunha granxa gandeira ou agrícola.

Desde o IES de Arzúa propuxéronlle a Jesús Valiño, da Granxa Ecolóxica Figueroa, ser unha das empresas susceptibles de ofrecerlles prácticas aos alumnos e alumnas dun ciclo de FP Dual de Produción Agroecolóxica que teñen pensando poñer en marcha no centro. Valiño non o dubidou. Non foi o único ao que valoraron na comarca, na que naceron varias explotacións que apostan polo modelo ecolóxico. Pilar Castro de A Curiscada, outra das empresas que ofrecerán prácticas, resalta a importancia de atopar xente profesional e máis nunha zona tan produtora. Castro é socia da SAT Lactear, formada pola Ganadería Pear SC e Casa do Xordo, que tamén confirmaron a súa participación no proxecto.

Estas ganderías forman parte das dez empresas que, nun principio, subscribirán un acordo polos dous anos que dura o ciclo para ofrecerlles prácticas aos alumnos. E son elas mesmas as que seleccionarán os estudantes nunha entrevista psicosocial na que tamén estarán presentes docentes. A FP Dual está confirmada, mais falta coñecer as prazas que ofertarán e como será o proceso de acceso. A partir do 25 de xuño abrirase un prazo para presentar as demandas ata o 2 de xullo. Logo publicarase unha listaxe provisional e, tras pechar o período de reclamacións, será cando as empresas colaboradoras da comarca realicen as entrevistas das que sairán os alumnos admitidos para realizar esta FP.

Información de “Somos Agro”,  La Voz de Galicia

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.