• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Granxa Maruxa + Milhulloa = Muuhlloa, cosmética galega, ecolóxica e colaborativa

Na comarca da Ulloa aséntanse dúas marcas de produtos ecolóxicos do Craega con máis de vinte anos de historia. Por un lado, Granxa Maruxa que está rexentada por Marta Álvarez e, desde hai uns sete anos, axúdalle súa irmá María. Ambas traballan para obter o mellor leite ecolóxico que sae da súa granxa situada en Monterroso. Por outro lado, en Palas de Rei está Milhulloa, unha empresa que se centra no cultivo ecolóxico de plantas medicinais e hortalizas. Esta cooperativa está rexentada pola farmacéutica Chusa Expósito e a bióloga Carmela Valiño, xunto con Anxos Orgueira. O baixo pago dos produtos das cinco levounas a ter que innovar, pero sempre mantendo a súa filosofía de traballo e produción. Así é como naceu Muuhlloa, unha firma de produtos cosméticos galegos e ecolóxicos.

Este ano recibiron o premio Son Muller da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, no apartado Empresaria Rural, pola calidade dos seus produtos e pola súa firmeza ao apostar polo ecolóxico, o rural e desde o feminino. Un premio que para estas cinco mulleres significa moito, máis ao ser económico “algo que precisamos moito para seguir traballando, investigando e innovando”.

O produto que saíu á luz para dar a coñecer a marca foi un leite corporal feito con leite e milfollas. Como a propia María relata, “fixemos o evidente: un leite corporal con leite, algo que até o de agora non hai”. Os comezos foron bos, xa que ambas as firmas que as preceden son uns referentes en Galicia, en canto a produtos ecolóxicos. Pero tamén fixeron un labor de dalo a coñecer en diferentes feiras. Actualmente, contan con tres produtos á venda, aínda que en breve lanzarán outros como un xampú e un labial. Os produtos que sacan contan co selo de bio.inspecta e ECOPlus de Bio Vida Sana.

Describen Muuhlloa como unha entidade colaborativa, xa que, para cada produto que sacan, contan con outra entidade da zona que traballa coa mesma filosofía que estas cinco emprendedoras. “As dúas primeiras empresas fomos nós, pero por exemplo, para a crema da cara contamos con mazá de Ribela, leituga de mar de Mar de Ardora e cera de abella de Polemel”, explica María. Para os produtos que sairán entrarán novas empresas, tamén ecolóxicas e que buscan o mesmo obxectivo. Esta forma de traballo permítelles a outras empresas medrar e tamén así, conseguen que Muuhlloa chegue máis lonxe e medre.

“Todos os que somos pequenos, estamos máis unidos e facémonos publicidade”

Como xurdiu a idea?

Marta: Pois do mal que nos pagan o leite. Un día de inverno achegueime ata Milhulloa queixándome diso e elas tamén se lamentaban polos prezos dos seus produtos. Ao final, nós vemos que temos boas materias primas. Temos a mesma filosofía de traballo e somos contrarias ás grandes superficies. O primeiro que pensamos foi facer un leite corporal co leite da granxa e as súas plantas. A partir de aí, dixemos que podía ir para diante e seguimos.

Chusa: Nós desde o principio traballabamos con algún balneario para facerlle uns aceites. Entón isto foi como o xermolo da cosmética, que era a nosa ilusión. Ademais, ao xuntarnos cunha persoa coma Marta, que é unha bomba, tiñamos que tirar para adiante. Non pensamos en ningún momento en non levalo a cabo. Esa idea sempre a tivemos e cando ela nos falou do leite pareceunos marabilloso.

Como foi o proceso de elaboración?

María: Chusa e Carmela son farmacéutica e bióloga. Elas pensaron cales serían as plantas que se axustaban a cada produto. A milfollas, ou herba dos carpinteiros, é moi cicatrizante, calmante e encima e haina por todas partes. Chusa dixo que mesturándoo daba un bo resultado e probamos. Nós tiñamos claro que tiña que levar unha boa parte de leite, e leva un 40 %. Logo elas recolleron a milfollas, maceraron os pétalos e fan o hidrolato. O día que se ten que levar todo a Iuvenor Lab (O Carballiño) prepárase. O laboratorio é o que lle dá un rexistro sanitario, fai as análises e certifica que é unha crema estable no tempo e que non contamina. Ademais, para nós é un aforro, porque senón teríamos que facer obra e sería máis custoso. Nós levámoslle as materias primas bastante elaboradas e logo eles fan a emulsión e empaquetado.

Por que a milfollas para o leite corporal?

Carmela: É a que predomina nesta finca e no estudo que fixemos vímoslle moitas propiedades. No tema de pel é cicatrizante. De feito, chámanlle a herba dos carpinteiros porque ten a capacidade rexeneradora. É calmante. Cada día vémoslle novas propiedades. Os compoñentes que teñen e os principios activos teñen esas capacidades.

O leite está claro en cada produto, pero como facedes a escolla das herbas para cada produto?

Carmela: Das que temos aquí vemos as propiedades que teñen e que queremos meter a cada crema. A facial ten por obxectivo darlle elasticidade á pel para prever o envellecemento, pois poñemos plantas que teñen a capacidade antioxidante. Todo iso xunto cos estratos que buscamos doutros produtores que integramos.

Chusa: Desde o século XIX, que houbo a revolución da química moderna, está todo estudado, e a partir de aí imos mirando. O importante é que sexa unha mestura boa para que melloren as propiedades. Ademais, encántanos o sistema de facer unha cosmética colaborativa. Cada vez que sacamos algo novo, miramos a que colegas produtores podemos sacarlle algo novo para o produto. Ao final, todos os que somos pequenos estamos máis unidos e facémonos publicidade entre nós.

Marta: Son os tres que temos agora mesmo, pero depende das épocas. Estamos moi contentas nese aspecto porque o mundo da cosmética non é un mundo fácil, nin moito menos, pero a xente que proba apunta que ten unha boa calidade.

Cal diriades que é o produto estrela?

Marta: Son os tres que temos agora mesmo, pero depende das épocas. Estamos moi contentas nese aspecto porque o mundo da cosmética non é un mundo fácil, nin moito menos, pero a xente que proba apunta que ten unha boa calidade.

Agora están pendentes novos produtos…

Chusa: Si. Un labial do que xa temos todo feito, pero fannos falta cartos. Para todo isto, para o proceso de estudo e todo… Nós non temos maquinaria. Para que cumpra a función do produto, necesita un plan de estudo e maquinaria para iso. Agora mesmo temos liquidada a fórmula do xel e labial.

Carmela: Temos pendente outra colaboración con outra científica de aquí, e estamos aí para seguir co tema de novas especies para a cosmética.

Cales diriades que son as razóns para mercar estes produtos?

María: O primeiro, por suposto, é que son produtos ecolóxicos. Son bos. E despois tamén a xente se decata de que somos cinco mulleres cunha empresa moi pequena e que estamos tratando de facer algo ben feito e desde a solidariedade. Entón isto tamén os incita a mercar para colaborar. Sempre falamos da xente que colaboramos, e poñémolo nas etiquetas.

Marta: É unha innovación grandísima. Empezou nunha granxa que fai cosmética.

En canto aos consumidores, de onde é a clientela?

Marta: Empezamos en Madrid e estamos moi estendidas alí a verdade. Grazas a un programa no que saímos. En Cataluña e no País Vasco tamén temos boas vendas. O que nos falta fóra de Galicia son tendas físicas; temos en sitios puntuais.

GRANXA MARUXA


Neste momento contan cunhas 62 vacas, das que moxen unhas 28. En canto a produtos agrarios só teñen horta para autoconsumo, pero foi unha das ideas que tamén se lle pasou pola cabeza a esta emprendedora. “Vino moi complicado e preferín centrarme no leite”. Granxa Maruxa conta con máis de vinte anos como tal, pero a súa historia remóntase a cincuenta anos atrás cando o pai de María e Marta iniciou o proxecto. Cando Marta estaba a piques de rematar os seus estudos de Empresariais, chegou a casa e “escaparan as vacas, tróuxenas e pareceume sinxelo”. A partir de aí comezou a súa andaina. Tivo que aprender todo de cero, xa que non contou con moita axuda, “non confiaban”. Tras aprender todo o relacionado con isto, visitou a granxa Casa Codesal con seu pai “e el mesmo se decatou que era posible o ecolóxico”. Contando co selo do Craega, empezou coa súa produción de leite. Actualmente está a punto de saír a Cooperativa As Vacas da Ulloa, un proxecto que nace xunto con Ganados A Cernada e co que farán todos os produtos derivados do leite. Desde hai sete anos conta coa axuda de súa irmá María que pechou o estudo fotográfico para irse vivir para o rural: “Estou encantada, non me cambiaría por nada”.

Na carballeira que hai ao redor da súa vivenda e da granxa tamén acollen o Festival Agrocuir. Unha idea que naceu para darlle máis vida ao rural. Ademais deste, que xa ten historia, tamén se celebrou o Monterrosón ou o de Arte no Rural, que xa se mostra no exterior da granxa e vivenda.

MILHULLOA


No inverno a cámara de secado estaba baleira, polo que decidiron buscar unha alternativa. Empezaron co excedente de produción da espinaca, pero volveron á súa filosofía de produtos autóctonos e probaron co grelo. Tras as probas, viron que quedaba ben e foi unha salvación para darlle uso ao secadoiro nese período.

O proxecto de Milhulloa tamén conta con máis de vinte anos de vida. Ao finalizar as carreiras de Chusa e Carmela decidiron meterse nun máster de creación de empresas. A idea que iniciaron xa comprendía as plantas medicinais.

O seu proxecto foi escollido e, tras finalizar o ano de estudos, decidiron que tiñan que seguir adiante. A idea que lles propuñan era que empresas de fóra lles mercasen os produtos, “pero non pagaban nin a colleita”. Desde o inicio, decidiron contar con selo do Craega para o seu proxecto pioneiro. “Empezar con plantas medicinais non foi vantaxoso, porque daquelas non se consumían tantas infusións”, explican. Pero pouco a pouco foron calando e a entidade foi medrando.

Actualmente contan cunhas 65 variedades, incluíndo as mesturas. E a forma de traballar é tratar con xente que está en ecolóxico e ten plantacións de grelos. Ademais, sécanlle diferentes produtos a variadas empresas. Realízanlle un pequeno estudo para saber como vai quedar e logo xa traballan coas diferentes marcas. Milhulloa conta cunhas 10 hectáreas de cultivo das plantas, aínda que ata a primavera non hai nada.

A pandemia neste sector semella non ter pasado. “Quizais porque a tendencia foi ir máis ao pequeno comercio e aí é onde estamos nós”, apuntan. Aproveitaron esta época tan atípica para facer un etiquetado diferente, “unha homenaxe para os avós e padriños, que ao final son os que sempre nos consenten e os que máis se están vendo afectados pola pandemia”.

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.