• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O MAPA promove os alimentos ecolóxicos españois na 1ª feira virtual de Biofach

O Craega participou en Biofach 2020 co lema “Somos Semente” 

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) participa de novo na 32.ª edición da Feira Biofach (17-19 de febreiro), considerada coma o principal encontro mundial dos alimentos ecolóxicos, onde promoverá estes días a calidade e variedade dos Alimentos de España, a través das campañas Spain Food Nation e #alimentosdespaña. 

BIOFACH SÚMASE AO FORMATO EN LIÑA

A Feira Biofach ofrece unha panorámica completa da actividade ecolóxica, desde a produción até a súa transformación, comercialización e investigación. Debido á pandemia, Biofach non puido celebrarse este ano na cidade alemá de Nürenberg como en edicións anteriores, senón que se está a desenvolver de maneira virtual, do 17 ao 19 de febreiro, de maneira conxunta con Vivaness, a feira internacional de coidado persoal natural e orgánico.

No acceso que ten o ministerio como expositor nesta edición virtual, porase a disposición dos visitantes documentos e vídeos con contidos relativos ao sector ecolóxico de España. Así mesmo, antes do inicio dos diversos relatorios, encontros e mesas redondas organizadas por Biofach, emitirase un vídeo con información sobre a produción ecolóxica española.

 ESPAÑA, LÍDER DA UE NO SECTOR ECO

Con esta participación, o MAPA apoia un sector en constante crecemento e de grande importancia económica, social e ambiental para o noso país. España é líder da Unión Europea e cuarto país do mundo en superficie de produción ecolóxica, cunha oferta de gran calidade e variedade, froito da diversidade de climas, chans e prácticas culturais, así como dunha industria transformadora en constante evolución e crecemento, que integra innovación e tradición.

A crecente demanda de produtos ecolóxicos por parte dos consumidores europeos, así como a afluencia a Biofach de operadores comerciais de todo o mundo, constitúen unha excelente oportunidade para os produtos orgánicos españois.

CIFRAS DA FEIRA EN 2020

Na última edición, un total de 3.792 expositores procedentes de 110 países mostráronlles os seus produtos aos máis de 47.000 visitantes profesionais de 136 países, que acudiron a esta feira a coñecer os novos desenvolvementos, tendencias e innovacións que alí se presentaron.

Máis información: www.biofach.de/en

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.