• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A Cooperativa A Carqueixa, entre os finalistas da XXI edición do Premio Aresa

Os cinco membros do xurado, composto por Antonio López Díaz, reitor da USC; Álvaro Rodríguez Eiras, presidente de Aresa; Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo; Manuel Gómez-Franqueira, presidente do Grupo Coren, e María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, reuníronse onte no vicerreitorado do Campus lucense para avaliar as dezaseis candidaturas presentadas e deron a coñecer os nomes das catro finalistas desta vixésimo primeira edición do Premio Aresa, entre as que saíu o nome da Cooperativa A Carqueixa.

Esta empresa, inscrita no Craega como produtor agrícola para a produción de froitos secos e cogomelos, ten a súa orixe en 1994, ano no que se fundou para a comercialización conxunta de xatos e a compra de insumos, adquirir máis dimensión como colectivo e conseguir que os produtores de carne de Cervantes fosen un sector máis forte e cohesionado. A día de hoxe está formada por uns 200 cooperativistas.

Os outros finalistas son o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, Arnigal Cultivos e Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata topo, presentada por Pablo Sánchez Quinteiro.

O gañador do XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, dotado cunha placa conmemorativa e 10.000 euros, darase a coñecer o vindeiro 11 de febreiro ás 12:30 h nunha gala que será transmitida por streaming.

 

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.