Slow Food é un movemento que nace en Italia nos anos 80 do pasado século cunha filosofía moi clara: voltar á tradición preservando a cultura e a gastronomía autóctonas de cada zona. En Galicia deu os seus primeiros pasos no 2008, pero non sería ata 2015 cando se funda unha asociación con personalidade xurídica propia en Santiago. Baixo a icona do caracol, a entidade desenvolveu a marca Restaurante Km 0, un proxecto de comedores escolares e a campaña Come Local. No marco desta última iniciativa, a entidade leva a cabo os roteiros Xantares de Vagar, eventos culinarios que -de setembro a novembro- percorren toda a comunidade co obxectivo de exaltar os produtos de calidade certificada, entre eles os do Craega. Con varios operadores ecolóxicos asociados, Slow Food Compostela (SFC) é unha firme defensora da agricultura sostible. Falamos coa súa secretaria na capital galega, Rocío García Carregal.
Que efectos está a ter a pandemia en SFC? Hai máis interese por parte do consumidor?
Dende SFC notamos un cambio nos hábitos de consumo por mor da pandemia. Antes do escenario da COVID-19, falar da importancia da compra directa aos pequenos agricultores ou mesmo ao comercio local, era só para unha parte da poboación moi concienciada. Pero vimos como, en medio da corentena, a xente comezou a ter medo de sufrir un desabastecemento alimentario. Chegamos a ter que comunicar que os nosos socios seguían a traballar con normalidade para tranquilizar á xente que nos preguntaba. Comezamos a ver como tornaba o consumo de quinta gama en produto fresco e que a xente evitaba as grandes superficies buscando directamente aos produtores. Foron moitos os socios que nos contaron como subiu a demanda, e como incluso moitos dos consumidores se achegaban no seu propio vehículo ás explotacións para mercarlles alí o produto.
O problema vivírono máis os produtores medianos ou grandes, que traballaban coa restauración e que viron como, de un día para outro, a súa canle de comercialización crebaba. Isto obrigoulles a reconverterse no medio da pandemia. Toda a dixitalización que non se fixera en moitos anos, tívose que implementar en pouco máis de dous meses. Dende a asociación tentamos axudar para crear estas redes, asesorándolles e buscando solucións loxísticas. A día de hoxe algúns socios que non dispoñían nin de páxina web, contan cun marketplace propio ou en multiplataforma.
A tendencia deste tipo de consumo chegou para ficar. A crise que estamos a vivir espertou unha conciencia no consumidor que busca facer unha compra responsable coa súa contorna socioeconómica.
Fálase de dúas correntes de consumo trala COVID-19: produto eco e saudable vs. marcas brancas. Cal gaña?
As dúas. Por unha banda, está o segmento da poboación que mantén un poder adquisitivo medio ou alto e que se preocupa cada vez máis polo que come. Xa se podía atopar ese interese entre as persoas con problemas previos de saúde ou rapaces ao seu cargo. Pero agora vemos que ese interese está máis presente pola relación da alimentación co sistema inmunolóxico. A xente comeza a tomar conciencia da importancia do que consome de xeito habitual e non lle importa investir un pouco máis en comer mellor.
Pero na outra banda está a poboación que está a vivir as consecuencias da crise económica. Moita xente viu mermado o seu poder adquisitivo significativamente e deixou de poder acceder a produtos de boa calidade. En familias onde se está a vivir unha situación de carestía, a cesta da compra énchese primando o prezo e non a calidade. Isto acabará sen dúbida ocasionando un problema secundario de saúde a medio e longo prazo.
O galego está realmente concienciado co produto local? Dálle valor ao que está preto?
A verdade é que non. É unha loita constante. Non sei se é polo noso carácter, pero non temos ese orgullo do noso que se percibe en outras rexións. Dende SFC sempre devecemos polo valor que lle dan ao seu no País Vasco, por exemplo, onde priorizan os seus produtos por riba das importacións. Aquí asociamos o da casa como a gama media e o de importación como a gama alta. Cústanos tomar conciencia da riqueza gastronómica que temos e moitas veces dámoslle máis valor a gastronomías máis exóticas. Poucas rexións poden presumir de ter carnes de tan excelente calidade como temos, peixes e mariscos con tanta variedade, legumes, verduras e froitas frescas… Temos unha biodiversidade alimentaria tremenda, pero aínda comezamos agora a darlle valor. Pouco a pouco parece que empezamos a vernos como somos de verdade e non coma a caricatura que nos reflicte dende fóra. Galicia é moito máis que pementos, polbo e mariscadas, e aínda que non foramos máis, seriamos moi ricos.
En Galicia, a ‘fast life’ aínda non consquistou, por fortuna, porcentaxes significativas do territorio. Que obstáculos atopan para promocionar os valores de SFC?
Moitas veces atopámonos con moitos prexuízos por mor do prezo. Depende moito do segmento co que tratemos. Se estamos a falar coa restauración, dan por sentado que mercar nunha grande superficie vai ser máis barato, cando non sempre é así. E se falamos co consumidor final, ás veces percibimos un gran descoñecemento dos produtos de produción local e das canles onde poden conseguilos.
Aínda así, atopamos un tímido cambio, acelerado en parte pola covid, onde o consumidor toma conciencia do que está a mercar e as implicacións ambientais e socioeconómicas que iso conleva.
Alimentación industrial, transxénicos, globalización, perda de biodiversidade… Que foto podemos facer de Galicia?
É un tema moi amplo e complicado. Para resumilo diría que non hai formación case ningunha ao respecto. A xente ten cada vez máis interese polo que consome, pero as fontes onde se informa non son as axeitadas. Penso que moitas veces a culpa é nosa, dos perfís máis técnicos, porque non sabemos transmitir a información dun xeito máis claro e sinxelo.
Para nós, por pertencer á Fundación Internacional Slow Food, o tema da biodiversidade é unha prioridade e, sen embargo, vemos como esmorece toda a riqueza patrimonial que temos na nosa terra. Un exemplo é o millo. Galicia contaba cunha riqueza xenética tremenda. O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) clasificou máis de 500 variedades, pero no rexistro nacional de sementes só están catalogadas unha ducia. A maiores dos problemas de comercialización que isto supón, temos que sumar a complicación de producilo nun radio de hibridación coas outras variedades. Ademais, o produtor vai atopar moitísimos problemas para moer a fariña, xa que a maioría de muíños tradicionais están dentro da vosa rede, do Craega, e non se lle permite levar o millo polo perigo de contaminación coas variedades transxénicas. Para min é un bo exemplo de como os OXM están a afectar á nosa biodiversidade.
Coas froitas (mazás, peras ou tomates) poderiamos contar a mesma historia. As variedades híbridas comerciais, máis vistosas e homoxéneas, están a desprazar a compra do produto tradicional nos lineais das grandes superficies. Por iso, as colleitas se orientan a estas producións con máis demanda no mercado convencional. O problema non é a falta de vontade dos produtores, senón as dificultades de comercialización.