• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega regresa satisfeito de Biocultura Madrid

 

Satisfeitas e coa mirada posta en Biocultura Coruña 2020. As 23 empresas que asistiron co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) a Biocultura Madrid volveron á casa con boas impresións. Ademais de darse a coñecer un pouco máis no mercado nacional, moitos deles aproveitaron para establecer contacto con novos provedores e afianzar relacións comerciais que veñen de atrás.

Provincia con máis peso na liña de transformación e comercialización do produto ecolóxico, Pontevedra foi o territorio con máis relevancia na convocatoria. Nesta zona teñen establecido o seu domicilio 11 participantes: Bioalacena, Produto de Aldea, Dona Cobiña, Biowak Natural Oils, Mirabel do Rosal / Alén do Val, Cervexa Toupiña, Galician Brew, Adega Luz de Estrelas, Palacio de Oriente, Paporroibo Tés e Infusións e Algas La Patroa.

Desde Lugo achegáronse outras seis empresas: Celtaverde, Arqueixal, Meles Anta, Xamóns González, Bubela Artesá e Milhulloa. Completan a listaxe outros catro operadores de Ourense (Baronceli Agricultura Orgánica, Camoco Foods by Belgosuc, Sovoral Apicultura Orgánica e Cervexa Celebridade Galega Eco) e dous da Coruña (A Factoría Ecolóxica e Galuriña Empanadas de Algas).

Ademais de exposición e venda, o Craega tamén mostrou en Biocultura Madrid o mellor da cociña eco con selo. O chef monfortino Martín Mantilla encargouse de conducir dúas sesións culinarias nas que preparou, entre outros pratos, castañas guisadas con chourizo e touciño entrefebrado de porco celta; arroz de grelos con mexillóns en escabeche e flan líquido de castañas.

PECHE DO CALENDARIO DE FEIRAS. A que tivo lugar en Ifema o pasado novembro foi a última feira do Craega no calendario deste curso. 2020 ábrese con outra edición de Biofach (Núremberg, Alemaña) e, poucos días despois, haberá outra cita con Biocultura. Será a segunda vez que a feira bio máis importante de España celébrase na cidade herculina.

[rl_gallery id=”3056″]

 

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.