• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Dez cousas que debes saber sobre o CRAEGA e a agricultura ecolóxica

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) fundouse en 1997 baixo o paraguas da Consellería do Medio Rural. É a única autoridade de control que certifica este modelo de produción na comunidade.

1. Que certifica o CRAEGA?
Segundo a normativa europea de produción ecolóxica, o CRAEGA certifica produtos agrarios de orixe animal ou vexetal (transformados e non transformados) destinados á alimentación humana; pensos; material de reprodución vexetativa e sementes para cultivo; fermentos para consumo humano ou animal; e produtos de acuicultura ecolóxica (peixes, algas e moluscos). O Consello non certifica pesca extractiva ou caza.

2. Que é un produto ecolóxico?
É o que se obtén a través de técnicas agrarias ou gandeiras respectuosas co medio ambiente e co benestar animal, segundo as directrices que establece a normativa europea. En agricultura ecolóxica non está permitido o uso de químicos de síntese como fertilizantes, pesticidas, antibióticos, etc. Do que se trata é de preservar o medio, manter ou aumentar a fertilidade do solo e tamén de proporcionar alimentos con todas as súas propiedades naturais.

3. Como é o proceso de certificación?
É moi sinxelo. O primeiro paso é contactar co CRAEGA e solicitar a inscrición nos rexistros. Unha vez aprobada a petición, iníciase o proceso de certificación e o Consello envía ao aspirante un Plan de Auditoría. Conforme a este documento, o equipo técnico realiza unha visita para avaliar o modelo de produción e o sistema empregado polo operador. Este paso é fundamental para asegurar o cumprimento dos requisitos. En caso de que sexa necesario, tamén se toman mostras. Da auditoría queda constancia mediante un acta. A continuación, elévase o informe ao comité de certificación, órgano independente do Consello.

4. Para que serve o selo do CRAEGA?
O selo é a única garantía oficial de que un produto procede dunha leira ou industria sometida ás inspeccións e controis ditados desde a Unión Europea (UE). En España, ocúpase do seu cumprimento o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, na maior parte dos casos a través dos consellos ou comités autorizados polas diferentes administracións autonómicas.

5. Que diferenzas hai entre un produto certificado e un produto convencional?
Os produtos que levan o selo do CRAEGA teñen un carné de garantía. A certificación é o único amparo legal que acredita a compra dun produto ecolóxico de verdade, é dicir, que cumpre as normas. Ademais dos controis oficiais que se efectúan a todos os alimentos, os ecolóxicos son obxecto dunha certificación adicional que verifica a autencididade da súa orixe e a súa trazabilidade. 

6. Que outros selos se poden atopar nun produto ecolóxico?
Ademais da marca obrigatoria que expide cada comunidade autónoma, os alimentos ecolóxicos certificados tamén deben incluír o logo europeo de produción ecolóxica. Este último exclúese en certos casos porque os alimentos non se atopan no ámbito da lexislación medioambiental da UE (caza de animais salvaxes ou pesca extractiva).

7. Por que o CRAEGA mudou o logotipo?
O cambio de logotipo responde a unha orde do Ministerio de Agricultura que afecta a todos os consellos reguladores con actividade semellante no conxunto do Estado. En Galicia, entrou en vigor o 26 de decembro de 2018 en cumprimento dunha orde da Xunta. De cara ao consumidor, a modificación é case imperceptible. O deseño (símbolos, formas, cores e tipografía) é case igual. O único que varía é o vocábulo situado no extremo inferior: en lugar de ‘Galicia’ pon ‘CRAEGA’.

8. Existe un período de convivencia entre o vello e o novo selo?
Si. Ata 1 de xaneiro de 2021 -data na que debe estar imposta a nova marca- poden atoparse nos puntos de venta produtos con calquera dos dous logotipos. A partir de entón, no etiquetado só se poderá empregar a nova imaxe do CRAEGA.

9. Por que o plátano de Canarias pode levar o selo do Consello?
O CRAEGA certifica o proceso de produción da agricultura ecolóxica en calquera das súas fases: producion, transformación, envasado e comercialización. Pode certificar todas etapas ou só unha. Asemade, o seu labor non está ligado ao que sae dun territorio concreto, algo que si avalan, sen embargo, unha Denominación de Orixe (DO) ou unha Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Vexamos, por exemplo, o percorrido dun plátano de Canarias que atopamos na tenda co selo do CRAEGA. A súa viaxe comeza cando unha empresa comercializadora inscrita no Consello -co seu domicilio social na comunidade- merca este produto no arquipélago. Compra a granel e co correspondente certificado ecolóxico en orixe. Unha vez aquí, ocupáse de envasalo e etiquetalo con seus datos, como estipula a normativa de etiquetado.

Para que ese plátano saia á venda como orgánico, fáltalle cumprimentar o último paso. A lexislación europea é moi estrita e esixe que todas e cada unha das fases do proceso -desde que se pon a semente ata que chega á tenda- estean rigurosamente controladas. O papel do CRAEGA neste caso é certificar que a cadea se pecha conforme estipula a normativa vixente. Cando os auditores corrobaran que se axusta ás regras, actívase o proceso para expedir o selo.

10. Cantos produtos hai certificados?
Hai arredor de 1.800 produtos certificados de diferentes familias: produtos vexetais, lácteos e derivados, carnes e derivados, conservas de peixe, produtos do bosque e recolleita silvestre, ovos e derivados, pensos e alimentación animal, acuicultura e recolleita de algas, etc.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.