Como se planta o té en Galicia? Sabes facer queixo? Queres amadriñar unha colmea? No Craega fixemos un mapa de ecoagroturismo para que ninguén se aburra este verán. Ademais de achegarte aos segredos da agricultura ecolóxica, terás ocasión de coñecer recunchos únicos espallados por toda Galicia.
1. ORBALLO (Paderne, A Coruña). A empresa acaba de estrear un programa que convida a mergullarse na agricultura ecolóxica de cheo. Durante algo máis dunha hora, a visita permite coñecer de preto o cultivo de té en Galicia e a plantación de aromáticas. O percorrido tamén inclúe parada en construcións singulares da zona (lugar de Donín) e unha degustación das infusións de Orballo.
Información e reservas: https://orballo.eu
2. PAZO SABADELLE (Chantada, Lugo). Situada na leira dun pazo do século XIII, na granxa ecolóxica de Xosé Figueroa Lorenzana medran tenreiros con selo do Craega. A familia mantén abertas as portas durante todo o ano para amosar a vida nunha antiga casa de labranza. Nos meses de verán tamén organiza exposicións de arte, concertos, lecturas poéticas e, por suposto, degustacións.
Información e reservas: pepedopacio@hotmail.com – 650343777
3. LUZ DE ESTRELAS (Salvaterra de Miño, Pontevedra). Ao sur da provincia de Pontevedra, na fronteira con Portugal, atópase esta pequena adega que sabe facer algo máis que viño. Concebida como contedor cultural, este verán inclúe na súa axenda sesións de enoastronomía. Trátase dunha experiencia única que une catas de viño de autor e observación de estrelas. Ademais, programa paseos botánicos pola beira do río Tea para aprender a identificar as plantas medicinais e a fauna da zona.
Información e reservas: http://luzdeestrelas.com / 633 299 917
4. ABELLAMOURA (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña). Actividade moi recomendable para os fans da apicultura. Para comezar, é posible amadriñar unha colmea e bautizala co nome que desexe cadaquén. Ao longo do ano, os valedores irán recibindo información puntual sobre a súa evolución e, ao final, terán un tarro de mel na casa. Para que experiencia resulte máis completa, Abellamoura organiza sesións para meterse na pel dun apicultor por un día. A iniciativa inclúe unha visita ao centro de envasado, rutas guiadas polos colmeares para comprobar cales son as floracións predominantes neste mel e coñecer a biodiversidade da zona.
Información e reservas: www.abellamoura.com
5. GRANXA DE BARREIROS (Sarria, Lugo). Proxecto de educación ambiental pioneiro na comunidade, a súa é unha das axendas máis completas do agro galego. Promoven actividades organizadas en función das estacións do ano, dende campamentos (de natureza, musicais e de artes escénicas) ata visitas para familias e grupos escolares, comidas, ceas ou fins de semana temáticas. Un acerto seguro son as visitas guiadas interactivas: un circuíto participando no día a día da granxa, coñecendo e dándolles de comer aos animais de raza autóctona (porcos, ovellas, cabras, cabalos, pitas, coellos…) Inclúe tamén unha visita á horta ecolóxica.
Reservas: www.granxadebarreiros.com / 982 533 656 – 698 129 000
6. CASA DA FONTE (Pantón, Lugo). Xosé Freire García herdou do seu pai unha pequena explotación no corazón da Ribeira Sacra. Produtor certificado de leite cru, a súa granxa ecolóxica estase a converter en punto de visita obrigada para colectivos de toda Galicia, en particular para a xente miúda. Á marxe de percorrer a explotación, tamén se organizan obradoiros para aprender a preparar diferentes produtos lácteos.
Información e reservas: ecocasadafonte@gmail.com – 691060470
7. CASA GRANDE DE XANCEDA (Mesía, A Coruña). A demanda para coñecer a explotación é tan alta que o programa xa colgou o cartel de completo para este verán, así que cómpre realizar a reserva con moita antelación. Cunha duración de hora e media, a visita estándar permite aos participantes acceder á sala de muxido e darlles o biberón aos becerros. Inclúe tamén unha visita á fábrica na que se explica o proceso de produción do iogur. Ademais, Xanceda dispón en axenda de programas especiais de biodiversidade (de xuño a setembro), Samaín ou Nadal.
Información e reservas: www.casagrandedexanceda.com
8. ARQUEIXAL (Palas de Rei, Lugo). Situada na parroquia de Santiago de Albá, esta granxa familiar organiza diversas actividades para todos os públicos ao longo de todo ano. A visita ás instalacións é unha viaxe ao pasado na que se amosa un proxecto ecosostible único en Galicia. O percorrido enriquécese con obradoiros para aprender a facer queixo de forma tradicional. Ademais, Arqueixal promove cada verán Son d’Aldea, unha xornada festiva que ten como obxectivo dinamizar a cultura rural.
Información e reservas: http://arqueixal.es/
9. VIDA DE ALDEA (Outeiro de Rei, Lugo). Produtor de leite cru, Xosé Ramón Rodríguez está detrás dun dos proxectos máis orixinais que hai en Galicia para dinamizar o rural. O acceso á súa leira esta habitado polas formigas de San Clodio, uns insectos feitos con material de refugallo que reciben os visitantes nun poboado de fantasía.
Información e reservas: www.vidadealdea.com
10. ASOCIACIÓN RAÍÑA PARAÍSO (Vilasantar, A Coruña). En colaboración coa Casa do Queixo, celebra o campamento de verán A vida na aldea. Dirixido a nenos de entre 9 e 12 anos, hai quendas do 7 ao 12 de xullo, do 14 ao 19 de xullo e do 28 de xullo ao 2 de agosto. O colectivo divulga os valores da agricultura ecolóxica e da alimentación saudable a través de excursións, campos de traballo, roteiros teatralizados, cursos e outras actividades para todos os públicos.
Reservas: asociacionraina@gmail.com /
650955265 – 693747500
11. MUSEO INTEGRADO DE MAQUINARIA AGRÍCOLA CLÁSICA (Láncara, Lugo). Recentemente inaugurado no lugar de Trasliste, neste espazo enclavado en Casa de Vázquez pódense contemplar tractores de diferentes épocas –a xoia é un Ferguson gris de 1952-, útiles de labranza e unha mostra de 300 miniaturas de aparellos agrícolas de todos os tempos. As visitas inclúen paseos en tractor, obradoiros de pan, etc.
Información e reservas: vazqueztrasliste@hotmail.com – 619 389 069