O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) reclama a presenza dos alimentos ecolóxicos nos comedores escolares. “O produto que certifica o CRAEGA é deficitario tanto nas escolas como nos eventos públicos”, advertiu hoxe en Santiago o presidente da entidade, Francisco López Valladares. Neste senso, brindou a súa colaboración á Xunta para que, en vindeiras licitacións do servizo de comedores, puntúe tamén positivamente o ecolóxico e non só o alimento de tempada e de proximidade. “Os nenos de agora son os adultos do mañá e a súa saúde debe ser unha prioridade para o conxunto da sociedade”, engadiu. “O CRAEGA quere chegar ao prato de todos: da xente nova e da que non é tan nova. Porque só así lograremos espertar definitivamente ao noso rural e alimentarnos mellor”, sinalou.
López Valladares fixo esta demanda coincidindo co acto de apertura da segunda edición de Faite Eco do Lóxico no IES Xelmírez II. En presenza do conselleiro de Medio Rural, José González, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e do director xeral de Educación, Manuel Corredoira, o presidente do CRAEGA lembrou que este programa serve para achegar a agricultura ecolóxica a 46 centros de infantil, primaria e secundaria de toda a comunidade. “A Galicia despoboada ten un aliado neste sector, estratéxico á hora de dinamizar o rural sen destruír a súa esencia. Sostible e respectuosa co medio ambiente, é unha opción de vida para o produtor, pero tamén para o consumidor”, recalcou. “É fundamental que as novas xeracións dediquen unha parte do seu programa educativo a este sector cada vez máis relevante. A concienciación é un traballo de todos. Da familia, da escola e das institucións públicas”, engadiu.
O conselleiro do Medio Rural animou aos preto de 80 mozos participantes na charla a confiar na produción ecolóxica. “Os mellores produtos do mundo son os de Galicia e, en concreto, os ecolóxicos, produtos 100% naturais sen ningún tipo de engadido químico”, declarou.
Para González, a agricultura ecolóxica é “o futuro que vén do pasado” e proba diso é que cada vez máis xente aposta por mercar este tipo de alimentos. De feito, nos últimos anos a agricultura ecolóxica en Galicia está a rexistrar un crecemento destacado cun aumento do 33% no volume de ventas certificadas, que pasou de 59 millóns de euros en 2017 a 78,7 millóns o pasado ano.
Pola súa banda, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, salientou a importancia do Plan Proxecta -no que se enmarca este programa- como paraugas coordinador de todas as iniciativas impulsadas desde diferentes consellerías e organismos para fomentar diversos valores de forma transversal a través do ensino. Neste caso concreto, Faite Eco do Lóxico (integrado na liña Aliméntate Ben) contribúe a concienciar aos máis novos dos beneficios para o medio ambiente e para a saúde dos produtos ecolóxicos, promovendo hábitos de vida saudables.
SEGUNDA EDICIÓN. O CRAEGA participa por segundo ano consecutivo no Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Educación que tende pontes entre a comunidade educativa e diferentes entidades sectoriais como este Consello. Dirixido a primaria, ESO, bacharelato e FP, no curso 2018-2019 fixouse un límite de 30 centros. A demanda superou todas as expectativas e acadou as 46 solicitudes. Nas charlas -como a que acolleu hoxe o IES Xelmírez II- inscribíronse 29 centros das catro provincias. Os escolares tamén están a recibir degustacións de produtos ecolóxicos e xogos no marco desta convocatoria. Como colofón, o CRAEGA convoca un concurso con tres categorías (infantil, primaria e secundaria) para premiar os mellores traballos sobre agricultura ecolóxica desenvolvidos durante o curso. En cada modalidade outorgarase un galardón único consistente nunha cesta de produtos ecolóxicos. O fallo darase a coñecer a principios de xuño.
Faite Eco do Lóxico é unha acción promovida polo CRAEGA con axuda do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER)-Europa Inviste no Rural e a Xunta.