O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) segue a medrar ano tras ano. En 2018, as vendas de produto certificado disparáronse un 33,2% e chegaron aos 78,7 millóns de euros. Así o avanzou hoxe en Boqueixón o presidente do Consello, Francisco López Valladares, que estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez.
“2018 volve a ser un ano excelente para a agricultura ecolóxica. Medran todas as variables: a superficie certificada, a suma de operadores e o volume de vendas”, destacou Valladares. “Estamos convencidos de que isto non vai quedar así e que as cifras van manter a tendencia ascendente nos vindeiros anos. Porque a agricultura ecolóxica chegou para quedar con nós”, celebrou o presidente do CRAEGA. De feito, xa conseguiu consolidarse como o terceiro selo de calidade en Galicia, por detrás de Tenreira Galega e a D.O. Rías Baixas.
Na mesma liña se pronunciou o conselleiro. “Xa non é unha moda pasaxeira, nin minoritaria, senón unha actividade cun importante nicho de mercado que cada vez cobra máis forza”, recalcou José González. O titular de Medio Rural fixo fincapé na necesidade de apoiar a vertebración e organización do sector e avanzou que se vai crear unha mesa de produción ecolóxica. A previsión que se convoque “este trimestre”.
PRODUTOS ESTRELA. O leite UHT e a carne avícola, por esta orde, son os produtos certificados estrela, tal e como explicou o secretario do Consello, Javier García Lozano. Cunha facturación superior aos 26 millóns de euros e un crecemento de case 41 puntos, o lácteo é con diferenza o produto que máis ingresos xera. “En Galicia, certificamos o 65% do leite que se consome en España”, apuntou.
Por sectores, a produción animal é a que máis factura (44,3 millóns de euros), pero a do mar é a que máis medra en termos porcentuais (39,53%).
A superficie certificada polo CRAEGA tamén pecha o exercicio en positivo. Con 33.736,44 hectáreas certificadas, o crecemento en 2018 ronda os seis puntos. A provincia con máis terreo en ecolóxico é Lugo, xa que suma 16.507 ha (o 49% do total).
En canto ao número de operadores, o Consello anota neste caso unha suba de case oito puntos e computa 1.152 inscritos ao peche de 2018 (un 125,8% máis que en 2008). Cun 37,6%, a vexetal consolídase como a produción maioritaria no conxunto da comunidade.
García Lozano puxo o acento no peso que van cobrando no conxunto do Consello os elaboradores (industrias e comercializadores). En 2001 apenas representaban o 12% e hoxe xa rozan o 25%. O seu papel é fundamental para que o produto certificado chegue ao consumidor final.