• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Un alimento imprescindible durante todo o ano: o ovo ecolóxico certificado

Pódese cociñar de moitos xeitos diferentes e tamén se pode utilizar para todo tipo de receitas, tanto salgadas coma doces. Este produto que atopamos en todas as cociñas galegas ofrece na súa versión ecolóxica moitos máis beneficios para a nosa saúde e para o medio ambiente. 

 

AS VANTAXES DE ESCOLLER OVOS ECOLÓXICOS CERTIFICADOS

Os beneficios da gandería ecolóxica no medio ambiente e no benestar animal son xa coñecidos. Na cría ecolóxica das aves súmanse os seguintes:

  • Na produción eco o espazo por animal é maior, tanto no interior coma ao aire libre.
  • Promóvense as condutas naturais propias das galiñas. Permíteselles medrar ao aire libre, en terreos cubertos de herba e asegúrase a presenza dos elementos necesarios na súa contorna, coma arbustos e refuxios.
  • O tamaño dos grupos de galiñas está limitado. Con isto, existe un menor nivel de estrés e un maior coidado das mesmas.
  • A alimentación das galiñas é a base de materias primas de orixe ecolóxico, é dicir, producións nas que non se empregan transxénicos, pesticidas ou outros produtos químicos. Ademais, débese garantir que ao menos unha parte sexan producións da zona.
  • Estas aves teñen asegurado un mínimo de 8 horas de sono ou descanso.

En definitiva, as galiñas críanse ao aire libre, sen estrés, cunha alimentación totalmente natural e descanso nocturno. Non se lles mutila o pico e picotean raíces e vermes que lles achegan nutrientes naturais. A súa alimentación compleméntase con pensos ecolóxicos. Todo isto refléxase despois na calidade dos ovos ecolóxicos que se consiguen:

  • Son moi saudables e completos en nutrientes.
  • Manteñen unha maior frescura.
  • Presentan niveis proteicos máis altos.
  • A cor da xema do ovo é natural, máis amarela. Na alimentación das galiñas non se utilizan colorantes sintéticos.
  • Teñen o dobre de Omega 3. o triple de vitaminas A e E e máis betacarotenos.
  • Menos colesterol e menos graxa saturada.

Ademais, os ovos ecolóxicos certificados son os máis auténticos do mercado. O código que traen ten un primeiro número que informa do sistema de produción. Nunha escala do 0 ao 3, e que remata na cría en xaula, á produción ecolóxica atribúeselle o 0. Con isto, recoñécese que o ovo ecolóxico e o máis natural e auténtico do mercado.

Tamén saen gañando na frescura. En diversos estudos comprobouse que o tamaño da cámara de aire dos ovos producidos en avicultura intensiva é significativamente maior que a dos ovos de orixe ecolóxica. Isto indica que os ovos ecolóxicos fórmanse mellor e así o grado de permeabilidade da casca é menor, polo que entra menos aire nos ovos e manteñen unha maior frescura.

É dicir, os ovos ecolóxicos diferénzanse dos convencionais no seu aspecto, sabor, textura e aroma. A xema ten un sabor máis intenso e a clara apenas se esparce se se elaboran fritos.

 

LEMBRA BUSCAR O SELO

É importante prestar atención ao etiquetado dos alimentos escollidos para asegurarnos de que realmente son ecolóxicos:

  • O logotipo ecolóxico europeo consiste nunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde; este é sempre obrigatorio acompañado do código de control da nosa comunidade autónoma ES-ECO-022-GA.
  • O selo de garantía Craega é a etiqueta que demostra que o alimento foi producido de maneira respectuosa co medio ambiente sen a intervención de elementos, compoñentes ou procesos químicos. Obtense despois de demostrar de maneira fidedigna que o produto é totalmente ecolóxico, con controis en cada fase da produción, elaboración e comercialización cumprindo coa normativa do Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello.

 

Fontes:

  • Consello de Agricultura e Alimentación Ecolóxica de Euskadi
  • Consello da Produción Agraria Ecolóxica da Rioxa

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.