• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Celebración do segundo aniversario da Furgoteca con “Ecoralia, a lambona ecolóxica”

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) participou xunto con Pakolas no aniversario da Furgoteca. Neste evento, que tivo lugar onte no CEIP Eduardo Cela Vila, en Triacastela (Lugo), Pakolas amosou aos asistentes o espectáculo musical de Ecoralia, a lambona ecolóxica. No acto estivo presente o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.

 

O servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia, coñecido como A Furgoteca, celebrou onte o seu segundo aniversario por todo o alto na montaña lucense, en Triacastela. No encontro estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañados por 180 escolares que desfrutaron do libro e do espectaculo Ecoralia, a lambona ecolóxica de Pakolas, editado polo Craega, un proxecto que busca fomentar valores como a sostibilidade e o consumo responsable dun xeito lúdico entre os máis cativos, facendo que a aprendizaxe sobre alimentación ecolóxica sexa divertida e inspiradora.

De agora en diante, o libro protagonizado por Ecoralia formará parte dos fondos da Furgoteca, un servizo que facilita o acceso á lectura en diferentes localidades. Deste xeito, estará dispoñible para todos os usuarios e usuarias que o soliciten nos concellos da montaña lucense, achegando a cultura e o coñecemento a través desta iniciativa de proximidade.

 

A Furgoteca chegou a Triacastela despois de percorrer vinte concellos do interior das provincias de Lugo e Ourense sumando un total de 29.000 préstamos, máis de 24.000 visitantes e máis de 400 actividades de dinamización cultural para todos os públicos coma xogos, talleres ou sesións de narración oral. 

López Campos sinalou que “esperamos que se continúe por esta senda e medrando, e máis cando vimos de poñer en marcha no comezo deste ano unha nova Furgoteca aumentando o servizo a outros dez minicipios da área occidental de Ourense”. Neste senso, destacou que “esta nova aposta é froito da grande acollida que tivo a iniciativa entre a poboación, que demandaba dar un paso máis na nosa implicación con este servizo”.

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.