• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A agricultura ecolóxica, unha alternativa necesaria ante o cambio climático

O cambio climático é unha realidade. Basta con observar os fenómenos meteorolóxicos extremos que vivimos nos últimos tempos para decatarnos disto. É responsabilidade nosa coma sociedade tratar de mitigar e solucionar este problema. Neste senso, a agricultura ecolóxica é de moita axuda; obteremos alimentos de máxima calidade coidando do planeta e tamén da nosa saúde.

 

Adóitanse distinguir tres dimensións da sustentabilidade que podemos aplicar á alimentación e ao sistema que a sostén, o agroalimentario: que sexa ambientalmente sa, socialmente xusta e economicamente viable. A agricultura ecolóxica reúne en bastante medida as tres dimensións, de tal xeito que estamos convencidos de que se converterá na base da alimentación nun futuro non moi afastado.

 

OS PRODUTOS ECOLÓXICOS SON MELLORES PARA A NOSA SAÚDE

A ameaza máis significativa dos alimentos convencionais vén do uso xeneralizado de produtos fitosanitarios, que elevaron as posibilidades de atopar residuos nos alimentos. Isto non ocorre no caso dos produtos ecolóxicos certificados, que se cultivan sen utilizar ningún tipo de químico nin de pesticidas; a garantía do selo ecolóxico grazas ao traballo dun órgano de control, como o Craega en Galicia, aseguran que se cumpre a normativa de forma estrita. 

Porén, alimentarse con produtos eco é un acto de consumo responsable que permite manter e conservar os ecosistemas, os servizos ambientais imprescindibles e mitigar o cambio climático. Os estudos dispoñibles indican que a produción ecolóxica reduce as emisións de dióxido de carbono entre un 40 % e un 60 % coa transformación de convencional a ecolóxico.

 

ASPECTOS A TER EN CONTA: O EMPREGO E A ECONOMÍA

A agricultura ecolóxica non só contribúe a reducir o impacto ambiental, senón que tamén pode xerar un impacto positivo no tecido socioeconómico. Este tipo de produción require máis man de obra, o que se traduce na creación de emprego, especialmente en áreas rurais. Isto contribúe a revitalizar estas zonas, fixar poboación e evitar o despoboamento que sofren moitas rexións. Ademais, fomenta un modelo de economía local baseado na sustentabilidade, ao reducir a dependencia de insumos externos e potenciar o consumo de proximidade.

O consumo de produtos ecolóxicos tamén fortalece a relación directa entre produtores e consumidores, promovendo un comercio xusto. Moitos pequenos agricultores atopan na produción ecolóxica unha oportunidade para diferenciarse no mercado, ofrecer un valor engadido e garantir prezos máis xustos polos seus produtos, o que repercute directamente na súa calidade de vida.

 

UN CAMIÑO CARA UN FUTURO MÁIS SOSTIBLE

Aínda coas súas vantaxes, un dos principais desafíos da agricultura ecolóxica segue sendo a falta de coñecemento deste sistema de produción e unha percepción de que os seus produtos son máis caros. Se ben o custo inicial pode ser superior, é importante considerar os beneficios a longo prazo: unha mellor saúde, menor impacto ambiental e apoio á economía local.

A transición cara a un sistema agroalimentario máis sostible é unha necesidade urxente fronte á crise climática. Apostar pola agricultura ecolóxica non é só unha opción responsable, senón unha estratexia viable para garantir un futuro onde o desenvolvemento económico e a preservación ambiental poidan ir da man.

 

Fonte:

González de Molina, M. (2011). La importancia de la agricultura ecológica para el medio ambiente y la salud. Ambienta, 95(Junio), 10-25.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.