Achéganse datas moi importantes para todos nós, nas que é común xuntarnos coa familia, amigos e compañeiros para celebrar o Nadal entre alimentos, bebidas e doces deliciosos. Existen diversas opcións ecolóxicas certificadas dos típicos doces que se consomen nestas datas: turróns, panetones, polvoróns… así que, non dubides en acudir ao teu establecimiento habitual de compra e buscar o selo que o garantice; un propósito de aninovo que será moi beneficioso para a nosa saúde.
Aínda que os doces típicos do Nadal non son alimentos para consumir a diario, non é prexudicial de vez en cando darse un capricho e optar por este tipo de produtos, mentres que na nosa vida diaria manteñamos unha dieta sa e equilibrada e fagamos exercicio regularmente.
Dentro deste contexto, o ideal é escoller doces eco certificados, xa que os seus ingredientes seguiron a filosofía da produción ecolóxica, sen a utilización de pesticidas nin químicos. Aínda que no caso dos doces navideños os ingredientes principais son améndoas, azucre e fariña, o non uso dos pesticidas segue sendo moi importante tamén para estes alimentos. De feito, no cultivo da remolacha azucreira e no da caña de azucre, o uso de pesticidas é xeneralizado e amplo.
Tamén se empregan praguicidas de forma intensiva nos cereais. Os integrais están máis expostos, xa que se consome a casca, a parte máis afectada polos químicos do cultivo.
No caso das améndoas, é certo que a contaminación por pesticidas é menor, debido ao groso da súa casca, mais isto non significa que non se utilicen no seu cultivo, feito que pode traer consigo diferentes problemas.
Outro dato de interese é que nos doces ecolóxicos adóitase recorrer sempre á caña de azucre integral, mentres que nos convencionais optan por azucre branco, xarope de glucosa ou azucre invertido. Ademais, os produtos ecolóxicos certificados reducen moi considerablemente o uso de aditivos en comparación ao resto de opcións que podemos atopar no supermercado.
Se falamos máis en concreto dos turróns eco, pódese dicir que son o retorno á orixe de como se elabora un produto de valor no proceso completo, dende o cultivo dos ingredientes ata rematar a elaboración e desfrutala. Todos os ingredientes que se empregan para a súa fabricación son materias primas ecolóxicas de proximidade e proveñen do propio equilibrio da natureza.
OS DOCES ECO CERTIFICADOS AXUDAN AO MEDIO AMBIENTE
Ademais de beneficiarnos na nosa saúde, se escollemos este tipo de opcións estaremos axudando á sociedade en xeral e tamén ao planeta, incluídos a moitos animais. A utilización de produtos químicos altamente tóxicos, coma o glifosato ou os praguicidas neonicotoides, causan estragos en poboacións de animais, o cal supón un problema para a biodiversidade.
O solo e os cursos de auga están así mesmo ameazados pola filtración de produtos tóxicos e metais pesados procedentes dos nosos cultivos. Poden tardar centos de anos en degradarse e vanse acumulando na terra.
O SELO E O APOIO AOS OPERADORES ECO
Sabemos que calquera produto identificado co selo da Unión Europea de agricultura ecolóxica, e tamén co selo do Craega, debe cumprir uns estritos estándares de produción. Deste xeito, asegurámonos de que se o turrón que escollemos leva estes selos, é totalmente ecolóxico.
Outro aspecto polo cal aconsellamos apostar polos doces ecolóxicos é para apoiar aos operadores eco, que na súa grande maioría son pequenos produtores que aínda elaboran o seu material de xeito artesanal. Adoitan coidar moito a composición de todo o que producen.
Como vedes, unha decisión que inicialmente pode parecer pouco importante realmente marca unha gran diferenza, tanto para a nosa saúde e a dos nosos seres queridos como para o coidado do planeta. Este Nadal, escolle doces eco!
Fontes: