A asociación Punto Delas organizou coa colaboración do Sindicato Labrego Galego e co apoio da Deputación de Pontevedra unha xornada para dar a coñecer a plantación de kiwis ecolóxicos de Cecilia Portela, situada en Tomiño (Pontevedra). Conversamos con ela sobre o desenvolvemento do encontro e do seu proxecto, que conta coa certificación do Craega.
Un total de corenta persoas asistiron a esta xornada na tarde do venres día 15, na que se detallaron todos os detalles sobre este proxecto, con visita pola finca incluída. Cecilia Portela, a responsable desta plantación e arquitecta, explicoulles aos presentes todos os detalles sobre este froito e como funciona a finca, na cal se producen kiwis ecolóxicos.
No encontro, Cecilia describiu como se orixinou a finca, que vén da súa familia: seus pais eran labregos desde que ela ten recordos, e axudáballes xa dende pequena nas tarefas diarias.
No 2021, xa ao fronte da plantación, fixo concentración parcelaria de dous terreos e plantou un grande número de kiwis: “Aínda non están en produción, o proceso é máis lento ao ser en ecolóxico”.
Tamén lles contou Cecilia aos asistentes como é o proceso de recollida, as bases de traballo que teñen, os tipos de inxertos que hai etc.; é dicir, que tarefas rutinarias levan a cabo.
“A xente estivo moi animada. As sensacións que tivemos ao remate deste evento foron moi positivas”, afirmou Cecilia. Ademais, engadiu que nesa zona non é moi habitual o kiwi ecolóxico, co cal é interesante dar a coñecer a súa existencia.
Cecilia vende a súa produción a unha cooperativa da zona, mais agora está tratando de facer algo diferente co kiwi ecolóxico que non comercializa: un extracto para empregalo en cosmética. Para iso, está conversando coa Asociación de Cosmética Galega e coa Universidade de Santiago de Compostela.
O motivo da reunión foi visibilizar este tipo de proxectos, dar a coñecer a súa existencia e, ademais, “poder saber a que nos dedicamos unhas e outras e colaborar entre nós”, aclarou Cecilia.
A UNIÓN DA ARQUITECTURA E AGRICULTURA
“Os arquitectos cada veza incluímos máis a vexetación nos nosos proxectos; inflúe positivamente para mellorar a calidade do aire, a temperatura e a acústica”, narrou Cecilia neste senso, que ademais de agricultora, é arquitecta.
Na actualidade, está a aplicar os seus coñecementos en arquitectura para innovar e mellorar certos aspectos deste proxecto.
No seu proxecto de final de carreira, centrado nas Ilhas de Oporto, Cecilia tratou a temática do urbanismo social, que consiste en poñer en valor a vida do campo na cidade, con pautas para deseñar mellores espazos públicos: “O mundo rural trae moitas cousas positivas á vida da cidade”.