Durante esta semana, o enxeñeiro agrónomo Jairo Restrepo, nado en Colombia e naturalizado en Brasil, está impartindo o curso “O ABC da agricultura orgánica” en Galicia. As sesións teóricas desenvólvense na Fundación Juana de Vega, en Oleiros, e a parte práctica nos Biosbardos, en Cambre. Na conversa que mantivemos con el, afonda nas temáticas destas xornadas e tamén nos dá a súa opinión máis persoal sobre a agricultura ecolóxica.
O curso comezou onte e alongarase ata mañá, xoves: “Imos compartir experiencias frutíferas na agricultura orgánica a nivel mundial e traballar arredor de tres temas: elaboración de fertilizantes, de biofertilizantes e de caldos para control de enfermidades e de insectos”, explícanos Jairo.
En canto ao obxectivo principal da posta en marcha desta formación, o experto relata que queren transmitir como acadar a máxima independencia posible de recursos externos: “É importante coñecer e saber o que temos a nivel local para poder enfrontar a crise na que nos atopamos”.
“A miña maior esperanza é que sexamos conscientes de que a vida hai que respectala”, afirma este experto en canto ás súas expectativas con respecto a esta formación; tamén agarda que aos asistentes lles guste o proceso e que interioricen que hai que comer ben e que hai outro xeito de ver as cousas, cun enfoque positivo.
“A miña maior esperanza é que sexamos conscientes de que a vida hai que respectala”
DEFENSOR ACÉRRIMO DA AGRICULTURA ORGÁNICA
Jairo narra que xa comezou a traballar no 1979 arredor da agricultura orgánica, é dicir, hai corenta e cinco anos. O enxeñeiro considera que o papel dos consumidores e dos produtores é moi importante na busca dun futuro eco, xa que, na súa opinión, polo menos nos países latinoamericanos, o Estado destrúe o medio ambiente e enferma as persoas, co cal se trata dun modelo antisocial, todo o contrario do que significa a agricultura orgánica.
Os beneficios que outorga apostar e apoiar a agricultura ecolóxica son moi variados, tal e como enumera este experto: enerxéticos, económicos, sociais, psicolóxicos, corporais e a recuperación de tradicións. Temos a posibilidade de comer de maneira sa e de coidar o medio ambiente. Tamén cre que é importante a educación neste aspecto e que, nas universidades de América do Sur, non se está tratando: “Na actualidade non teñen compromiso social”.
“A agricultura orgánica xa é unha realidade a día de hoxe”, afirma este enxeñeiro agrónomo. De feito, recalca que as políticas comunitarias para o 2030 apoian este modelo: “Porén, a industria será quen decidirá cando se transforme isto finalmente”.
Outro aspecto que este experto destacou é o papel dos consumidores, de grande importancia: “O primeiro paso é observar e eliminar os intermediarios, ademais de facer alianzas ecolóxicas e apoiar políticas que beneficien os produtores. Hai que apoiar o mercado local”.
Finalmente, Jairo tamén fai fincapé na importancia do compromiso e da comunidade, dando pé á creación de organizacións de consumidores e de alianzas con produtores.