A implementación do sistema ecolóxico nas ganderías é moi beneficioso tanto para o medio ambiente como para o benestar animal, ademais de que os lácteos que proveñen deste tipo de granxas contan con mellores propiedades, coma, por exemplo, un maior contido en omega-3 e ácidos graxos conxugados de linoleico.
As producións que se obteñen nunha gandería ecolóxica en comparación a unha convencional son moi diferentes, ademais da composición do leite, que tamén varía debido á alimentación de calidade e ao baixo nivel de estrés dos animais, o nivel de produción por animal é máis sostible. Debido a isto, a lonxevidade dos animais nas granxas ecolóxicas é ata tres veces maior, con exemplares adultos que chegan ata os nove ou dez períodos de lactancia, mentres que a media nas convencionais non chega a tres.
O leite que conta co selo do Craega provén de ganderías que cumpren coas esixencias legais. Os animais son alimentados con produtos naturais, que proveñen de prados onde non se empregan nin herbicidas, nin pesticidas, nin fertilizantes sintéticos. Isto acaba transmítindose ao leite, convertíndoo nun produto de alta calidade e saudable.
O LEITE ECO, UN ALIMENTO FUNDAMENTAL NA NOSA ALIMENTACIÓN DIARIA
Ben é sabido por todos que o leite é a principal fonte de calcio para o ser humano, mais tamén é unha fonte importante de graxa. Contén diferentes ácidos graxos beneficiosos para a saúde, coma o ácido butírico, ácidos graxos omega-3 e os ácidos graxos conxugados do linoleico; a estes últimos atribúense propiedades anticanceríxenas, antidiabéticas, antidipoxénicas e antiateroxénicas, ademais de reforzar o sistema inmunitario e activar a mineralización dos ósos. De feito, diversos estudos científicos amosaron que o leite ecolóxico ten maior contido en omega-3 e ácidos graxos conxugados de linoleico, ata un 115 % máis, ca o leite producido en convencional. A maiores, o leite eco contén máis vitamina E ca o convencional, o que mellora o sistema inmune.
En xeral, o leite é un alimento rico en numerosos nutrientes que benefician á saúde das persoas. De feito, a nutricionista Gloria Tamayo advirte de que non existe motivo para eliminar os lácteos da nosa dieta se non existen intolerancias nin alerxias, xa que é un alimento básico que contén propiedades diferentes ás bebidas vexetais. Para os adultos, é beneficiosa á hora de prever enfermidades como a osteoporose, que ataca os ósos.
Beneficios de consumir leite ecolóxico:
- Contén altos niveis de ácido linoleico conxugado, omega-3, antioxidantes e betacaroptenos
- Rico en proteínas de alto valor biolóxico, destacando o calcio
- Contén minerais (fósforo, ferro e potasio)
- Aporte de vitaminas D, E e B12
LEMBRA BUSCAR O SELO
É importante prestar atención ao etiquetado dos alimentos escollidos para asegurarnos de que realmente son ecolóxicos:
- O logotipo ecolóxico europeo consiste nunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde; este é sempre obrigatorio acompañado do código de control da nosa comunidade autónoma ES-ECO-022-GA.
- O selo de garantía Craega é a etiqueta que demostra que o alimento foi producido de maneira respectuosa co medio ambiente sen a intervención de elementos, compoñentes ou procesos químicos. Obtense despois de demostrar de maneira fidedigna que o produto é totalmente ecolóxico, con controis en cada fase da produción, elaboración e comercialización cumprindo coa normativa do Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello.
Fontes:
- Consello de Agricultura e Alimentación Ecolóxica de Euskadi
- https://www.lavozdegalicia.es/noticia/somosagro/ganaderia/2023/11/23/deberiamos-consumir-leche-ecologica/00031700733262777904573.htm
- https://www.lavanguardia.com/vivo/ecologia/20160804/403675143814/leche-ecologica-vaca-nutricion-salud.html