• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O percorrido da gastroneta de Ecolóxicos a Mares chegou á súa fin o domingo en Ribadeo

Con motivo do convenio de colaboración que xurdiu o ano pasado entre o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a raíz do cal naceu Ecolóxicos a Mares, neste mes de setembro levouse a cabo unha nova iniciativa na que se foron amosando as bondades e as delicias dos produtos ecolóxicos galegos do mar a través dunha food truck, a cal se foi achegando a diversas localidades da nosa comunidade. Tamén se repartiron agasallos e folletos informativos.

 

Durante a mañá do domingo, de 12:00 a 16:00 horas, a gastroneta estivo na rúa San Francisco de Ribadeo como última parada. Asistiron ao acto o presidente do Craega, Francisco López Valladares; o conselleiro do Mar, Alfonso Villares; o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, e a creadora de contido Leticia Varela. Unha das tapas que se puideron degustar nesta localidade da Mariña Lucense degustar foi sushi ecolóxico.

O presidente do Craega, Francisco López Valladares, expresou a experiencia desta iniciativa foi moi positiva e que se obtivo moita información de grande utilidade: “Seguiremos traballando nesta liña e achegarémonos máis ao consumidor para explicarlles en que consisten estes produtos certificados do mar, ademais de apoiar a todos os produtores que día a día, co seu traballo, nos dan estes manxares que saen das nosas rías”.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, afirmou que dende a Consellería están moi satisfeitos coa campaña e que nos vindeiros anos queren continuar colaborando “e seguir neste camiño, que é o correcto e o que necesita o consumidor, porque na nosa comunidade temos produtos de altísima calidade”.

O obxectivo principal de Ecolóxicos a Mares é promover e mellorar a comercialización dos produtos ecolóxicos do mar galego. De feito, este convenio xorde coa intención de seguir consolidando Galicia coma un referente no sector acuícola nacional e internacional.

 

As paradas da food truck

O venres día 13 tivo lugar o acto de presentación en Vilanova de Arousa e, dende entón, a gastroneta realizou unha viaxe por toda a comunidade facendo parada en oito localidades en total: Vilanova de Arousa, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Sanxenxo, Lugo e Ribadeo.

O chef Xabier Arca foi o encargado da elaboración das diferentes tapas que se foron presentando estes días. Varios creadores de contido se achegaron durante estes días á food truck:  Blondiemuser, Donkeycool, Rubén Prieto, Engaliciamorate, Rogelio Santos, Sen Paraxe e Leticia Varela.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.