• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Granxas de Lousada: “Necesitamos non só alimentar a poboación, senón facelo con calidade, sobre todo con alimento, máis que con comida”

Granxas de Lousada, en Irixoa (A Coruña), é un proxecto da parella Dolores Porto e Sergio Boado, co que quixeron conservar o traballo de toda unha vida da familia de Dolores. Actualmente teñen horta e animais, e contan coa certificación do Craega.

 

Que produtos tedes na vosa horta?

Dolores: Temos un pouquiño de todo e moita variedade, aínda que pouca cantidade de cada alimento, porque como facemos todo venda directa tampouco nos interesa ter grandes volumes, pero procuramos ter de todo.

Na nosa horta podedes atopar alimentos básicos, como patacas, repolo, verza ou acelga. Procuramos non complicarnos moito a vida, porque ao final o que máis se move, o que máis consome a xente…  son os básicos de toda a vida. Tampouco hai que buscar especies raras, porque se comen unha vez e non todo os días.

Como comezou a historia da vosa granxa?

Dolores: Na casa xa os meus pais tiñan unha explotación de vacas de leite e tamén un pouquiño de todo, pero logo se enfermou meu pai e nos daba moita pena que isto se perdera todo; parecíanos unha oportunidade para poder traballar e vivir desto. Nós dedicabámonos profesionalmente a outras cousas, pero fomos metendo actividades e pouco a pouco deixamos os outros traballos para poñer toda a nosa atención nisto.

Que vos motivou a querer cultivar de xeito ecolóxico?

Dolores: O método que existía na casa. Tanto os meus pais coma os meus avós xa non utilizaban herbicidas nin fertilizantes químicos. Entón, é a forma de seguir con ese legado e, tamén, porque é a maneira máis viable que vemos tanto de coidar o medio coma de que os nosos fillos poidan seguir facendo isto nun futuro.

“A produción ecolóxica é a maneira máis viable que vemos tanto de coidar o medio coma de que os nosos fillos poidan seguir facendo isto nun futuro”

Atopastes algunha dificultade á hora de comezar a producir deste xeito?

Dolores: A día de hoxe, non. Cando comezamos, si que era complicado, porque nos era moi difícil conseguir as plantas e as sementes certificadas. A día de hoxe xa foi cambiando a cousa e hai moitos produtores de sementes e de outros insumos. Hai moita máis demanda, entón todo é máis sinxelo.

Seguides tendo barreiras que vos dificulten as tarefas diarias ou xa conseguistes desenvolver un método de traballo efectivo?

Dolores: As barreiras que máis encontramos no traballo diario son o tema de herbas e pragas, pero si que fomos aprendendo trucos, experiencia, rotando os cultivos… Está claro que cos anos que levamos xa lle vamos collendo truco ao asunto.

Cal era o voso obxectivo ao querer vender directamente ao consumidor? 

Dolores: Non era só pola parte económica, senón pola parte da calidade. Eu collo unha verdura na horta o luns á noite e o consumidor tena o martes pola mañá na súa casa. E logo, por suposto, a parte económica; que lle saia mellor ao consumidor e que me saia mellor a min como vendedor, e evitarme intermediarios, para min é o fundamental. Tamén, temos un pequeniño volume de todo, así que se dá vendido perfectamente.

Por que a xente debería consumir produto ecolóxico?

Dolores: Primeiro, pola saúde, está claro; con todo, consumindo produto ecolóxico estás axudando a que a terra perdure, sen esas producións que empregan herbicidas e químicos e que fan que a terra deixe de producir, se estrague e non nos dá nin para nós nin para as seguintes xeracións.

Sergio: Optar por produtos ecolóxicos é unha forma de consumo moi sostible. Necesitamos non só alimentar a poboación, senón facelo con calidade. Sobre todo con alimento, máis que con comida.

Que beneficios vos achega contar coa certificación do Craega?

Dolores: A certificación do Craega o que nos achega é que a parte do que eu explico, do que eu digo, da miña maneira de cultivar, digamos que é a garantía de que alguén me está avalando sobre o que eu estou facendo, que non estou mentindo. 

Sergio: A certificación é unha garantía. Conseguimos que o produto teña un selo que avale todo o que estás a facer: alguén che di que está ben feito.

Hai algo que vos gustaría que mellorase no proceso da obtención do certificado?  

Dolores: Na obtención do tema do certificado supoño que é moi difícil empezar, aínda que as cousas melloraron desde que nós estamos. Para unha persoa que vén doutro ámbito e se empeza a dedicar a isto, o tema burocrático dá traballo. Ás veces é facilitar a información, non só facer o trámite.

Que credes que podería atraer a agricultores e gandeiros convencionais ao ecolóxico? Que se debería facer para que coñecesen este mundo?

Dolores: O que o leva facendo en convencional moitos anos é complicado, pero eu penso que se o consumidor demanda produto ecolóxico, as novas xeracións, que ao mellor si que as vellas van vendo ese cambio, esa mellora na terra, que non a estás estragando, que produce moito mellor en ecolóxico… Pois o consumidor o agradece. É bo que a sociedade en si cambie o chip, tanto produtores coma consumidores.

Sergio: Penso que si se coñece bastante, pero o proceso de burocratización tira algo para atrás; ao mellor temos exceso de documentación. Aínda que, tal e como se está poñendo en convencional, tampouco vai haber moita diferenza a curto prazo. Entón, máis ben é o medo e, despois, o convencemento de que o que estás facendo é o correcto. 

Cales son os vosos plans a longo prazo? Cambiar en algo, mellorar, manterse?

Dolores: O noso plan sería manternos, tampouco quero medrar excesivamente. Eu penso que deberiamos ser moitos e pequenos, moitos produtores, pequenas explotacións, que cada un produzamos… Tampouco hai que ter macro explotación porque ao final se perde a filosofía, non hai que ser tan grandes. Manterse.

Sergio: Máis ben é manterse, non temos un afán de seguir medrando, isto ten un tope, a superficie é a que é, o que si é o reto, o que se pensou desde un principio é conseguir o ciclo pechado. Entón, desde o primeiro momento fíxose a venda directa, de que todo o produto saíra de aquí. No da horta é facilísimo, pero no resto de producións, como temos toda a carne, está sendo o complexo. O fin é o que está en proxecto, que é unha sala propia de elaborados na que poidamos transformar todo o que se produce aquí dentro da propia granxa. Está situado dentro da explotación e iso si que sería o tope para poder facer o ciclo pechado.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.