No 2012 nace Galuriña, a empresa de Carmen Sánchez que conta coa certificación do Craega e na que traballa principalmente con algas; a través delas elabora masas e fermentos cos que fai empanadas, pizzas e pans ecolóxicos. Na actualidade, está buscando dar o paso cara a creación de doces, pero sempre a partir de algas. Falamos con ela sobre os inicios do seu proxecto e tamén sobre a importancia de producir en ecolóxico, o cal resulta positivo tanto para a saúde das persoas que consomen estes produtos como para o planeta e o medio ambiente.
Vimos que a idea de fabricar masa con algas veu dunha receita do século XIX, certo?
A verdade é que esta receita xurdiu dun libro que pertenceu a un cura e que quedou na miña casa. Chamoume moitísimo a atención porque revolvendo vin unha receita, que tiña un dos produtos que o sometían a un proceso de calor. Entón claro, eu cando vin ese proceso dixen que pensaba que iso que tiña que estar mal, “imposible que con isto salga unha masa boa”. E como son moi curiosa probeino e vin que a verdade que conservaba a masa moitísimo tempo e lle daba un sabor moi especial. Eu procurei modificala un pouco para non ter que pasar ese proceso tan longo, e curiosamente gustoume para seguir elaborando as miñas empanadas. Claro, a partir de aí xurdiu o meu proxecto para empezar a facer empanadas e demais.
Cal é a reacción da xente ao probar os vosos produtos? Sorpréndelles o sabor?
A xente é moi remisa. Non estamos acostumados a consumir algas, non é un produto que estea moi introducido na cociña e me custou moitísimo. Tiven que facer un labor moi importante para dalo a coñecer, pero a xente que empezou a consumilo sorprendeulles, porque non ten un sabor moi pronunciado e entón, pouco a pouco, foise consumindo e fóronse aceptando as algas na masa.
Fas ti todo o proceso, tanto a recolección como a elaboración. Pódesnos contar un pouco en que consiste todo este proceso?
Eu controlo todos os procesos. A empresa está deseñada para iso, para controlar desde o inicio ata o fin. Recollemos, temos un plan de explotación que nos concede a Consellería para estes produtos, deshidratamos, moemos, e con eses produtos facemos as empanadas, pans e pizzas, e tamén facemos os fermentos e os macerados, que son, ao final, o que cambia un pouquiño con respecto a outros produtos que hai no mercado. Son moito máis dixestivos e tamén saudables para o consumidor.
O proxecto iniciouse en 2012. Xa desde o comezo contabades coa certificación do Craega?
Non. Eu a verdade é que sempre fun moi reivindicativa cos bos produtos, con produtos naturais, e sobre todo estiven sempre moi preocupada polo que estaba sucedendo nos polos, que se estaban derretendo, que estaba desaparecendo peixe, e a min iso sempre me causou unha dor terrible, non? Vía que o planeta… Estouche falando xa desde 2008, cando Greenpeace falaba de que o recurso se estaba esgotando, que estabamos cruzando a liña roxa, e aí empezou a miña teima un pouco, non? E foi cando empecei eu a pensar no mundo ecolóxico, non sabía absolutamente nada, e rebuscando, rebuscando, pois fun atopando o Craega.
Dime, por que é importante contar coa certificación do Craega? Cres que é algo que dá seguridade e confianza aos consumidores á hora de mercar os produtos?
Todos os controis na alimentación son bos. Son latosos, porque temos que dicir que son latosos, pero tamén garanten que o consumidor, cando consume un produto certificado, ten a garantía de que ese alimento é eco. As auditorías son complicadas, porque se introducen a nivel interno en todo o teu proceso. E ademais veñen sen avisar, que é o bo tamén. E fan eles os controles. Eses controles, de verdade, que son unha garantía importantísima para que o que consuma saiba que son produtos desde o inicio ata o final eco.
“Un consumidor que opta por un produto certificado ten a garantía de que ese alimento é ecolóxico”
Que características destacarías ti de traballar de forma ecolóxica? Que teñen de especial os alimentos que se fan así?
Os alimentos son saudables. O consumidor ten que ter claro que cando falamos de pagar un prezo alto que non é tan alto, temos que considerar que prezo se paga por un produto estándar. Hai produtos que non son malos, pero os produtos eco, á parte dos controis, revísase moi ben de onde se collen. Non teñen químicos nin aditivos, aspectos que repercuten na saúde das persoas en positivo. E non hai máis que ver o que calquera especialista pode falar dunha persoa que consuma ese tipo de produtos a longo prazo, esa persoa a saúde… Pode considerarse que ten diferenza cun produto que se consume con altos niveles de graxas e aditivos.
Cales son os vosos plans a futuro? Manterse, mellorar, cambiar en algo?
Mellorar sempre. A miña estratexia cara ao futuro é poder delegar en alguén que queira seguir avanzando. Teño un proxecto moi chulo, un proxecto que ten moito futuro, porque estamos traballando agora cunha doutora para ver como inflúen estes macerados tanto a nivel de azucre en sangre como a nivel de persoas intolerantes e, a partir de aí, podemos seguir avanzando noutro tipo de produtos, e que veña xente que queira seguir con el, eu vou estar sempre aí, non o vou a deixar, pero para poder avanzar e ampliar e ver xa un obradoiro un pouco para que cubra o mercado… O mercado que aposte por este tipo de produtos que a verdade que xa teño, teño a sorte de ter moitos clientes fieis e moitos… clientes tamén que teñen tendas e supermercados que están apostando por este produto. E bueno, desde aquí tamén dou as grazas porque non é doado as veces.