A Memoria do Sector Ecolóxico de Galicia do 2023 xa está dispoñible para a súa consulta. A continuación, repasamos os datos máis relevantes tendo en conta os seguintes parámetros: a cobertura territorial, a superficie ecolóxica, os operadores ecolóxicos e o volume de facturación da industria.
Destaca, un ano máis, o crecemento deste sistema de produción de alimentos que, sendo dunha maneira máis contida, segue a súa dinámica ascendente, ampliando o interese xeral dos últimos vinte anos, tanto en operadores coma en consumidores.
Gran cobertura territorial
Como novidade no informe deste ano, expóñense os datos relacionados coa cobertura territorial. En 2023, rexistráronse 279 concellos onde se utilizan prácticas de agricultura ecolóxica certificada. Os datos en canto a esta cuestión reflicten que hai un respaldo e un grande interese en desenvolver cultivos de maneira sostible e de calidade, xa que case todas as provincias contan con máis do 90 % de concellos con algún operador ou superficie ecolóxica certificada polo Craega.
A Coruña é a provincia que máis ten, xa que 88 dos 93 concellos se atopan nesta lista; isto tradúcese en que un 94 % conta con elaboración ecolóxica. Lugo ten a mesma porcentaxe; dos 67 da provincia, 63 teñen algún operador que se decanta polo método de produción ecolóxico.
Aumento da superficie ecolóxica
En Galicia existe un amplo volume de terreo dedicado exclusivamente á agricultura ecolóxica. En 2023, rexistráronse 46.967,01 hectáreas, o que supuxo un crecemento do 2,96 % dende o ano anterior.
A evolución do solo destinado a este cultivo foi moi substancial dende o ano 2003, no que só había 5.947,68 ha. De feito, o ascenso na última década é de máis dun 200 % en Galicia, polo que podemos afirmar que o interese por parte do sector primario galego é cada vez maior.
A provincia que máis superficie ecolóxica certificada ten é Lugo, con 22.708,68 hectáreas. Séguea Ourense con 17.270,78, o que significou un importante incremento da súa extensión: un 20 % dende o ano anterior.
Nos últimos vinte anos xerouse un aumento significativo na maior parte das provincias e foi, de novo, a lucense a que marca o ritmo, cun ascenso do 225 %, seguida da Coruña, cun 205 %.
Tipoloxía da superficie
En canto ao tipo de terreo, hai 1.521,21 ha de cultivos de terras arables, 39.613,35 ha de pastos permanentes e 2.221,79 ha de cultivos permanentes. Lugo volve ser a provincia na que máis territorio se destina a cada unha destas categorías, superando de maneira contundente ao resto na maior parte delas.
No primeiro caso, as plantacións máis comúns son as de cereais para produción de gran, con 303,92 ha. Destacan o trigo, o centeo e tranquillón e a cebada como as máis frecuentes dentro deste grupo.
Con respecto aos pastos permanentes, dedícanse 22.425,40 ha a pastos e praderías permanentes e 17.187,95 ha a pastos pobres. Por último, hai 2.221,79 ha de cultivos permanentes para o consumo humano, entre as que destacan como habituais as froitas de zonas climáticas temperadas (mazás, peras…).
Máis operadores ecolóxicos
En Galicia hai 1.552 agricultores ecolóxicos. Produciuse unha evolución na última década do 136 %, polo que na actualidade hai 1.172 produtores e 380 elaboradores. Este último dato foi o que máis aumentou, nun 186 % dende hai 10 anos.
Lugo clasifícase como a provincia con máis operadores ecolóxicos certificados, posúe 560, e séguea Pontevedra, que ten 458.
Tipos de operadores
Na Coruña, os operadores inclínanse de forma preferente pola produción vexetal, pero aumentou o interese pola animal nun 1,30 %. Aínda que segue habendo máis elaboradores, hai que subliñar o crecemento dos importadores nun 100 % con respecto ao ano anterior, aumentando ata 10.
En Pontevedra, os acuicultores son os máis comúns e tamén a tipoloxía de produción que máis subiu, en concreto, un 7 %. Do mesmo xeito que no caso anterior, os elaboradores son os máis usuais, pero o número de importadores aumentou nun 14 %.
En Lugo, a produción animal é á que máis se dedican os traballadores do ecolóxico, pero a vexetal aumentou nun 5,36 %. Ademais, medraron os importadores, e os elaboradores seguen sendo os máis frecuentes.
Ourense é moi similar en canto a datos á provincia lucense, xa que sobresae a produción animal e aumentou a vexetal un 7,5 %. Os elaboradores son a tipoloxía máis habitual e os importadores ascenderon nun 50 %.
Estabilidade das vendas
O volume das vendas ecolóxicas certificadas na comunidade situouse en 2023 en 113.336.312 €. Cabe destacar que nos últimos dez anos aumentou nun 337 %, o que demostra que cada vez hai máis consumidores que optan por este tipo de alimentos.
O sector que máis vendas recolle é o de produción animal, con 59.593.763 €, é dicir, un 52,58 % do total. O vexetal conta cun 30,23 % e, finalmente, o 17,18 % pertence ao acuícola e de algas.
O leite é o alimento que máis se consume de maneira ecolóxica, seguido das conservas de peixe e a carne e derivados.
A importancia da certificación
Aínda que os datos de crecemento son contidos nesta ocasión, podemos observar como a produción e o consumo de produtos ecolóxicos continúan subindo ano tras ano. Dende 2003, multiplicáronse, e podemos velo no aumento de operadores, do consumo de alimentos etc.
Neste contexto, é importante o papel da certificación e do selo ecolóxico, xa que nos asegura que os produtos con etiquetas ecolóxicas realmente se producen baixo os criterios necesarios. O Craega proporciona aos consumidores unha garantía e seguridade ao lexitimar que aquilo que compran segue unhas pautas de calidade.
O futuro pasa por unha produción e un consumo ecolóxicos. Sigamos medrando e mellorando nesta dirección!