fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Agronovo presenta o proxecto Tractus en colaboración co Craega o vindeiro 18 de xuño en Santiago de Compostela

O Hostal dos Reis Católicos, situado en Santiago de Compostela, acollerá o próximo martes 18 de xuño ás 11:30 horas a presentación de Tractus, unha aplicación TIC para a maximización sostible da produción ecolóxica de vacún.

 

Tractus trátase dun recurso dixital deseñado para facilitar o acceso, manexo, intercambio e procesamento de información das granxas de vacún. Permite xestionar todos os datos recollidos na explotación analizando a situación dende varios puntos de vista á vez.

Deste xeito, obtense un informe que facilita a implementación dun plan de mellora integral, conseguindo a maximización dos recursos dispoñibles, aumentando a eficiencia económica e produtiva, medindo a biodiversidade e reducindo a pegada de carbono ou CO2.

 

DESTINATARIOS E OBXECTIVOS

Os principais destinatarios desta ferramenta son técnicos e técnicas de xestión gandeira e gandeiros e gandeiras de produción ecolóxica.

Por outra parte, as metas principais desta aplicación son as seguintes:

  • Maximizar as forraxes reducindo ata un 10 % os custos de alimentación, así como mellorar a inxestión e calidade das mesmas para aumentar a produción.
  • Reducir a pegada de CO2 medindo a eficiencia das granxas para mellorar aquelas que teñan peores rexistros. Unha baixa pegada de CO2 é unha medida indirecta de eficiencia moi válida; aquelas que producen máis con menos recursos son as máis eficientes.
  • Valorizar o índice de biodiversidade. Parametrizar este factor con medidas obxectivas dará unha caracterización positivas das granxas. Este índice contribuirá a dar solidez ao leite ecolóxico producido en Galicia.
  • Xestionar todos os datos recollidos na explotación desde varios puntos de vista á vez, emitindo un informe para unha toma de decisións personalizada optimizando a potencialidade da mesma.

O proxecto Tractus é de ámbito autonómico. Nel participan Agronovo Ecoloxía como entidade coordinadora e, como axentes cooperantes, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), a Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). 

Os interesados en asistir deberán cubrir previamente este formulario

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.