fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Héctor Ferreiro, viticultor: “Producir en ecolóxico é un dos principios básicos na miña filosofía de vida. É unha aposta moi persoal”

Héctor Ferreiro Abelairas, Castelo (Taboada, Lugo) é garda forestal de profesión e viticultor ecolóxico de vocación. O seu cultivo de uva ecolóxica agroma a partir de 2018 na parcela orixinaria da súa familia, que antes era monte, e el reconverteu en viñedos en ecolóxico, xunto con outro socio. Nesta entrevista, Ferreiro relata a orixe deste proxecto, resalta o valor engadido do seu viño, por ser ecolóxico e por formar parte da “viticultura heroica” da Ribeira Sacra, e lembra a importancia da certificación e de concienciar o público para que consuma produtos ecolóxicos.

Como foron os inicios destas viñas?

O terreo era unha parcela orixinaria da miña familia, dos Abelairas, de aquí de Castelo. O que antes era monte agora reconverteuse en viñedo, supoño que por casualidades da vida e, na miña opinión tamén, polo cambio climático. Isto antes era impensable, se se levantan meus avós e ven que onde collían os toxos agora é viña sorprenderíanse moito, pensarían “o meu neto está tolo”.

En que ano comezaches?

En 2018. Anteriormente, cortei os piñeiros que había e reestruturei o terreo. Nunha parte empreguei o tractor, pero noutra zona traballei coa pa e fixen terrazas, porque había moita roca á vista. A estrutura da terra é moi importante para a produción de viño; para min é a singularidade que se lle pode dar a esta produción. Custoulle moito saír á plantación para diante porque isto era monte e sempre quere volver ser monte. En ecolóxico, os toxos, as carpazas e as carqueixas volven. Agora estou probando a colocar herba para ver se damos loitado contra o toxo.

Dende o inicio xa tiñas decidido apostar polo ecolóxico?

O proxecto comezámolo un amigo meu e mais eu. El ten viñas en Chantada de tinto e pensei en poñer de branco aquí, en Castelo. Quería facer algo con esta parcela, a súa orientación sur permitía que fose espectacular para cultivar viño branco. A aposta en ecolóxico foi miña ao empezar de cero e porque me animou o enólogo que nos leva a adega. Cumprín os tres anos de transición, pero aínda non comercialicei porque quero ver que produza. Espero este ano sacar un viño en ecolóxico cunha produción razoable.

Como lle explicarías ti á sociedade a importancia que ten producir en ecolóxico?

Para min é un dos principios básicos na miña filosofía de vida. Entón, é unha aposta moi persoal, é algo que me vén dado da miña nai, pois sempre fixo cultivos na horta e sempre me inculcou iso desde pequeno, respectar terra, sobre todo, pensando nun futuro dos meus fillos. Nós temos viñedo en convencional e en ecolóxico. Esta parcela foi testemuño, que é un pouco o que quero explicar, para ver se nos vai ben nesta parcela e seguir prolongando ao resto do viñedo en ecolóxico na medida que poidamos. A sociedade tense que dar de conta que o custo de produción de viño que se vai vender é tres veces máis caro que un convencional. Entón, o que tes que apostar é por concienciar, por educar a sociedade para que entenda que este viño o ten que pagar máis, porque é libre de todo.

Na actualidade, con todas as enfermidades que hai, que nos veñen dadas e que nos veñen xeneticamente, se ti estás bebendo un produto como un viño en eco, que non leva produtos químicos, nin herbicidas nin sistémicos, creo que o corpo o agradecerá. O tema é saber se a sociedade está disposta a pagar o prezo desas botellas. En España e en Galicia, non o sei; na Unión Europea, si. A min dáme mágoa ter que vender en Alemaña ou nos países nórdicos o viño que eu vou facer aquí, porque realmente a sociedade galega e a estatal igual non está tan concienciada en pagar un produto, porque non é a parte so que é en ecolóxico. Esta é viticultura heroica. Por iso, a produción destes viños, ademais ser ecolóxica, está elaborada na Ribeira Sacra, co valor e o custo engadido que iso ten, porque o viño se fai coas mans dos viticultores, non coas máquinas, coma noutros sitios. Hai que educar e concienciar a xente, sobre todo, niso.

“a produción destes viños, ademais ser ecolóxica, está elaborada na Ribeira Sacra, co valor e o custo engadido que iso ten, porque o viño se fai coas mans dos viticultores, non con máquinas”

Pensas que lles dá confianza aos consumidores contar coa certificación e que vexan o selo, que saiban que é ecolóxico?

A certificación é o único camiño que temos que seguir, porque sen ese certificado ti cres no viticultor ou no produtor en eco se o coñeces. Nun país nórdico non te van coñecer, nin en Alemaña, nin en Holanda, nin no centro de Europa… non te coñecen, pero, se vai co certificado eco, xa saben que está certificado e que o que vai dentro da botella (falo do viño) é real á hora de exportar e de vender o viño fóra. É o único camiño posible, ademais do selo da Unión Europea.

“O selo de certificación é o único camiño posible”

Que razóns citarías ti para convencer o publico da importancia de consumir ecolóxico?

Xa o adiantei antes. Temos que ter conciencia de non consumir produtos fóra de temporada, pois se o fas, valo pagar catro veces máis caro que se fose un produto ecolóxico. Polo tanto, o principio básico que teño é que os produtos eco, agás o viño, que é unha temporada e cando é, hai que consumilos no seu tempo. Non podes pretender comer en agosto laranxas de Valencia, porque o ciclo natural da variedade é no tempo que é. Entón, eu, ademais de confiar na ecoloxía e nos produtos ecolóxicos, confío en tomar produtos de temporada.

Creo que é o único camiño: ir da man do ecolóxico para poder vender e situarse no mercado. E despois está o aspecto da saúde: enfermidades que poden vir, coma o cancro e outras moitas, veñen dadas por pesticidas, herbicidas e tratamentos químicos. 

Xa para rematar, que consello lle darías a alguén que está no sector da viticultura producindo en ecolóxico ou que xa está nel en convencional e quere pasarse a ecolóxico?

Eu recomendaríalle ao viticultor que está en convencional que se pase a ecolóxico. O atranco principal son que os tempos son máis lentos e os rendementos son diferentes; digo diferentes porque non garantes que teñas produción en setembro. Como dicía o meu avó, dorme fóra. Pode haber inclemencias do tempo, problemas fitosanitarios… en eco estás moito máis limitado, malia que agora cada vez tes máis produtos, pero á hora de comercializar despois o viño, eu creo que teñen que pensar que é máis lento e que hai que cobralo máis caro.

Dito isto, penso que si conseguiría convencer o viticultor, porque, aínda que en convencional vas recoller 7.000 quilos e en eco colles tres, valos vender máis caros, polo que, ao final, é coma se vendeses os 7.000. Logo, aí si que estaría convencido. A dificultade está en atopar o cliente e en que a sociedade estea convencida e educada. Insisto en que hai que concienciar e educar o público na viticultura en ecolóxico; creo que é o máis difícil. O viticultor convéncese máis fácil. O importante é que se lle garantes que en cartos vai obter o mesmo, acabará animándose.

 

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.