Biocultura Barcelona celebrou este ano o seu trixésimo aniversario cunha nova edición da feira, que tivo lugar do 9 ao 12 de maio no Palau Sant Jordi. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia estivo presente un ano máis neste evento de referencia para o sector acompañando a diversos operadores certificados baixo o selo ecolóxico galego. As sensacións unha vez finalizada a feira foron moi positivas.
O sector ecolóxico vai crecendo cada vez máis e, na trixésima edición de Biocultura Barcelona, amosou a súa forza e a súa fidelidade; de feito, foron moitos os asistentes que encheron os pasillos do Palau Sant Jordi a semana pasada. O Craega formou parte desta feira referencia do sector acompañando e apoiando a nove operadores eco galegos: Portomuíños, Bubela Artesá, Conservas do Támega (Terra de Baronceli), Capitán Alga, Algas La Patrona, Galuriña, Sovoral, Celebridade Galega e Algamar.
Xa o primeiro día, o xoves 9, o volume de xente que se achegou á feira foi relevante, augurando unha moi boa 30.ª edición. Ademais da presenza dos stands, incluídos os dos nosos operadores eco, que contaron con grande afluencia, houbo diversas actividades que destacaron, como, por exemplo, o showcooking ou OrganicFIT.
Pódese dicir que, durante Biocultura Barcelona, houbo moitos interesados en coñecer de primeira man os produtos galegos eco certificados cos que contamos en Galicia. Calidade e sabor!
UNHAS CIFRAS REVELADORAS
Os datos indican que foron 50.000 persoas as que se achegaron ao Palau Sant Jordi durante os días de Biocultura Barcelona. Ademais, os 300 expositores tamén quedaron satisfeitos co número de negocios que fixeron neses días. A directora da feira, Ángeles Parra, expresou que “o sector ecolóxico catalá está retomando a forza anterior ao ano pasado, cuxa expansión ralentizouse por culpa da alta inflación”.
Con isto, pódese dicir que a tendencia próxima vai a ser a de seguir medrando. Ademais, segundo Parra, a xente que se interesa por ir á feira é cada vez máis nova e son cidadáns informados, conscientes e responsables por contribuír á rexeneración en lugar de á destrución.
FONTES:
https://www.ecoticias.com/alimentos-ecologicos/biocultura-barcelona-2024-sector-ecologico