• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A relevante presenza dos produtos ecolóxicos do mar en Alimentaria Barcelona

A acuicultura ecolóxica vai gañando cada vez máis terreo. No marco de Alimentaria Barcelona foron moitos os operadores galegos de produtos do mar certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) os que tiveron presenza na feira. Así mesmo, tamén asistiu ao encontro Alfonso Villares, conselleiro do Mar, que demostrou o seu apoio á promoción da acuicultura ecolóxica a través deste tipo de eventos.

 

Do 18 ao 21 de marzo celebrouse na cidade de Barcelona a nova edición de Alimentaria, a feira bianual de alimentación máis importante de España e referente a nivel internacional. O Craega contou cun posto, situado dentro do stand da Consellería do Medio Rural (Agacal), onde expuxo produto ecolóxico certificado galego: unhas 20 empresas eco participaron cos seus produtos. 

Cabe resaltar desta nova edición a gran presenza que tiveron os produtos ecolóxicos do mar. Alfonso Villares, conselleiro do Mar, viaxou ata Barcelona para estar presente neste evento e demostrar así o seu apoio á promoción dos produtos de mar ecolóxicos. “É unha experiencia moi boa ter aquí a todos os emprendedores galegos do mar e que demostran o seu poder e a súa forza, e isto vese en feiras coma esta”, afirmou.

Sergio Baamonde, de Algamar; Rosa Mirás, de Portomuíños; Cristina García, de Algas La Patrona, e Rosario Carballo, de Conservas do Noroeste, foron algúns dos operadores eco de produtos do mar que acudiron a Alimentaria Barcelona.

 

“Temos o surtido de algas deshidratadas, algas en salgadura, algas en conserva, condimentos a base de algas e un montón de elaborados a base de algas tamén mariñas”, explicou Sergio Baamonde, de Algamar.

Pola súa parte, Rosa Mirás, de Portomuíños, expuxo que “nós traballamos sobre todo con algas, desde as deshidratadas, frescas, de salgadura e produtos elaborados con algas. Todo isto, certificado en ecolóxico”.

Cristina García, de Algas La Patrona, traballa con algas de Galicia e todo o que producen está certificado en ecolóxico. “A certificación ecolóxica é unha garantía de que o produto está sometido a unha serie de requisitos ambientais, sociais e de calidade que fan que a sustentabilidade da recolección das algas, que é o que facemos, permaneza ao longo do tempo”, manifestou García.

“A certificación ecolóxica é unha garantía de que o produto está sometido a unha serie de requisitos ambientais, sociais e de calidade”

Finalmente, Rosario Carballo, de Conservas do Noroeste, tamén viaxou ata Barcelona para formar parte de Alimentaria. “Somos unha conserveira galega que levamos case corenta anos producindo conservas de peixe e mariscos, os cales comercializamos baixo a nosa marca Cabo de Peñas, que dispón dunha liña ecolóxica dende hai máis dunha década e exportamos uns produtos de gran calidade a diversos países a nivel internacional”, expresou Carballo.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.