Un gran ouro e un ouro foron as medallas que acadaron dous dos viños ecolóxicos da Adega A Corga, certificada polo Craega, e da cal Benigno Pereira é propietario. Foron un brancellao eco 2019 e un godello sobre lías de 6 meses en barrica.
Benigno Pereira é propietario da sociedade Adega a Corga. Na sexta edición do Concurso Nacional de Viños, VinEspaña, organizado pola Federación Española de Enoloxía, conseguiron unha medalla de gran ouro na categoría de viños ecolóxicos e outras dúas de ouro: en viños ecolóxicos e en castas minoritarias. Os viños eco gañadores foron un brancellao 2019, de 24 meses en barril, e un godello sobre lías de 9 meses en barrica.
“Levamos anos participando neste certame, porque nos parece moi obxectivo”, indicou Pereira. Neste sentido, o propietario da adega contounos que neste concurso, onde diversos profesionais se encargan da cata, todos os viños parten con 100 puntos de base e, polo camiño, segundo os defectos que se detecten, vanse restando puntos. “Está baseado na ausencia de defectos en lugar de nas virtudes, co cal o viño que máis se achega é o que se pode considerar como perfecto”, expuxo.
Esta adega leva presentándose ao certame dende os inicios de VinEspaña e, en todas as edicións, conseguiron algún tipo de recoñecemento, xa sexa en viños ecolóxicos coma en convencionais. “É rechamante destacar entre todos os viños de España, con máis de 500 mostras presentadas”, recalcou Benigno.
“Para nós é unha motivación ter gañado este certame. O mundo do viño é complexo e todo o que veña para sumar, axuda moito no negocio”, confesou o propietario de Adega A Corga. Así pois, explicou que conseguir estas medallas fai que o viño teña un valor engadido: “Estás máis exposto e faite máis visible, e para as adegas pequenas coma a nosa, axuda moito a situarte, co cal isto anímate a seguir e fai que te reafirmes de que vas polo bo camiño”.
“Isto anímate a seguir e fai que te reafirmes de que vas polo bo camiño”
Nesta ocasión foron varios os viños galegos, tanto ecolóxicos coma convencionais, os que lograron varias medallas en VinEspaña 2024. Ademais, cada ano en Galicia a Asociación Galega de Enólogos organiza un acto de entrega local para os premiados galegos deste concurso.
Cabe destacar que, a maiores das medallas conseguidas ao longo dos anos no certame, a adega entrou tamén na guía Parker co seu Brancellao ecolóxico cun total de 91 puntos.
A HISTORIA DA ADEGA E A IMPORTANCIA DA PRODUCIÓN EN ECOLÓXICO
Benigno Pereira, propietario de Adega A Corga, contounos que este proxecto naceu dun xeito totalmente casual. Adquiriron a finca, situada na Pobra de Trives, no ano 2010 e comezaron a plantar entre o 2012 e o 2013. A adega está certificada polo Craega.
Ademais, o propio Benigno aclarou que xa dende pequeno estivo rodeado da agricultura tradicional e da gandería de leite, así pois, este interese volveu rexurdir máis adiante na súa vida, e así puxo en marcha a iniciativa de Adega A Corga.
“O noso interese de estar en ecolóxico non é comercial, é vocacional. É o xeito máis respectuoso de traballar e de achegarnos á actividade agrícola”, puntualizou Pereira. Así pois, afirmou que dentro do ecolóxico e das normas e regras que deben cumplir, seguen o seu propio estilo.
“O noso interese de estar en ecolóxico non é comercial, é vocacional. É o xeito máis respectuoso de traballar e de achegarnos á actividade agrícola”