• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Éxito na 5.ª edición de BioCultura A Coruña coa presenza dos produtores galegos

EXPOCoruña acolleu, un ano máis, a nova edición de BioCultura A Coruña do 1 ao 3 de marzo de 2024. A inauguración tivo lugar ás 11:00 horas, na cal participaron diversas autoridades; entre elas, Ángeles Parra, directora de BioCultura e presidenta da Asociación Vida Sana; José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal); Manuel Heredia, director xeral de Comercio e Consumo, e Francisco López, presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

 

Unha vez rematada a inauguración, as autoridades fixeron un percorrido por toda a feira. Así pois, achegáronse á zona do Craega, onde se situaron durante toda a fin de semana 16 operadores galegos: Trasdeza Natur, Jamones González, Milhulloa, Daiquí, Terra de Baronceli, Casa Grande de Xanceda, LeNatt Food, Traloagro, Ovos Corazón de Galicia, Abella Meiga, Portomuíños, Verín Biocoop, Maruxas de Nata, Galuriña, Celebridade Galega e Bubela Artesá.

Máis de 14.000 persoas visitaron a feira este ano, a cal se centrou tamén no ecoturismo, un concepto que triunfa moito en Galicia, tal e como nos explicou a directora de BioCultura e presidenta da Asociación Vida Sana, Ángeles Parra, na conversa que mantivemos con ela. Ademais de todos os expositores, durante a fin de semana tiveron lugar diversas actividades nas cales os asistentes se involucraron por completo.

 

Pola súa parte, a campaña “Come Local”, impulsada pola Agacal, tamén contou cun espazo no que se realizaron representacións de cociña empregando produtos ecolóxicos a cargo dos profesionais dos comedores escolares que forman parte da mesma. 

O director da Axencia, a cal colabora co Craega, destacou a potencialidade dos produtos ecolóxicos galegos cunha nutrida representación nesta feira. Así mesmo, resaltou que as producións ecolóxicas representan unha oportunidade tanto para o territorio como para os propios produtores, que contan con liñas específicas de apoio.

No marco da feira tamén se celebrou unha mesa redonda sobre as posibilidades de venda de produtos a granel ecolóxicos por parte dos comercializadores, na que se debatiu a nova normativa sobre a comercialización de graneis ecolóxicos. Participaron nesta cita representantes do sector produtor, da gran distribución e do pequeno comercio.

Dende logo, esta feira pecha cun moi bo sabor de boca para nós e para os nosos operadores. Moita xente aposta por un cambio cara ao ecolóxico, o cal nos fai sentir moita satisfacción e orgullo.

 

BIOCULTURA 2025

Así remata esta 5.ª edición de BioCultura, que se despide ata o ano que vén: o Craega volverá a acompañar os operadores galegos para apoialos e para presumir da calidade de alimentos eco cos que contamos no noso territorio. Por un futuro eco!

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.