O obxectivo principal deste novo artigo é que os pequenos da casa relacionen a vida saudable cunha alimentación axeitada. Así pois, queremos que aprendan hábitos alimentarios que inflúen nun estilo de vida saudable e que poidan identificar os alimentos diarios necesarios.
Por que a alimentación ecolóxica é a máis saudable?
Os produtos eco prodúcense optimizando os recursos naturais e evitando o uso de químicos de síntese, especialmente: substancias fitosanitarias como pesticidas ou praguicidas fronte a parásitos, insectos, ácaros, malas herbas, moluscos, roedores, etc., e todas aquelas ameazas de orixe animal ou vexetal no proceso de produción de alimentos, así coma os fertilizantes e antibióticos empregados na produción ordinaria de alimentos. Estes agrotóxicos cumpren unha función de maior produtividade ao optimizar a produción, mais tamén está a demostrarse cada vez máis a súa relación con alteracións na saúde humana (como alerxias, efectos canceríxenos, disruptores endorcrinos e neurotoxicidade, entre outras).
Como a saúde non é só a ausencia de enfermidade, non podemos ollar só os produtos ecolóxicos por aquilo que nos están a evitar, senón tamén polo que nos achegan.
A produción ecolóxica traballa coa colaboración da natureza e o solo, sendo un punto chave para a nutrición das plantas, que se consegue a través do peche dos ciclos naturais. O compost, o esterco ou o xurro animal son fertilizantes naturais empregados na agricultura ecolóxica, así como a plantación de diferentes leguminosas para fixar maior cantidade de nitróxeno á terra. Esta renovación orgánica do solo permite que os alimentos finais conten con maiores concentracións de substancias antioxidantes e case un 6 % máis de micronutrientres que as procedentes da produción ordinaria.
Respecto ao consumo de carne e derivados (leite, queixo, ovos…) procedentes da gandería ecolóxica, o tipo de alimentación (tamén ecolóxica), a liberdade de movemento (benestar animal) e o menor uso de antibióticos e outras medicacións, dan como resultado unha maior concentración de ácidos graxos, especialmente do Omega 3, e maior concentración de minerais.
Suxestións para traballar na casa ou na aula
- Facer compost nunha garrafa de 5-8 litros: cortamos a garrafa para poder traballar con máis facilidade e enchémola da seguinte maneira: terra + froita/verdura + terra + follas secas + terra + papel de xornal + terra + restos de froitas e verduras + terra. Se a terra está moi seca pulverizamos a auga antes de engadir a seguinte capa. Despois, pechamos a garrafa con cinta illante e deixámola nun lugar cálido e soleado, observando os cambios día a día.
Pirámide de alimentación. Alimentos ocasionais e alimentos diarios
A pirámide nutricional amósanos a frecuencia (diaria, semanal, ocasional) coa que deben ser consumidos os diferentes grupos de alimentos. Na infancia constitúense moitos dos hábitos alimenticios dos futuros e futuras adultas e, por isto, é moi importante o consumo abundante de froitas e verduras, así como dunha gran variedade de alimentos para asegurar a correcta incorporación dos diversos nutrientes ao organismo.
Para levar unha vida saudable é preciso tamén facer unha actividade física acorde á idade e ao estado xeral de saúde. A continuación, plasmamos unha serie de recomendacións baseadas na pirámide Naos:
OCASIONALMENTE:
- Alimentación. Hai produtos que só deberían consumirse de forma ocasional, coma boliños, doces, refrescos, chuches, patacas fritidas e semellantes.
- Actividade física. Adicar pouco tempo a actividades sedentarias coma ver a televisión, xogar con videoxogos e empregar o ordenador.
VARIAS VECES Á SEMANA:
- Alimentación. Peixes brancos e azuis, legumes, ovos, carnes, embutidos e froitos secos son alimentos importantes e poden combinarse con outros, debendo consumirse varias veces á semana, mais non todos os días.
- Actividade física. Practicar varias veces á semana algún deporte ou exercicio físico como a ximnasia, a natación, o tenis, o atletismo ou deportes de equipo.
A DIARIO:
- Alimentación. Alimentos como as froitas, verduras, hortalizas, cereais, produtos lácteos, pan e aceite de oliva deben ser a base da dieta e consumirse a diario. Tamén o arroz e a pasta poden alternarse.
- Actividade física. Realizar todos os días, polo menos durante 30 minutos, algunha actividade física moderada, como camiñar, ir ao colexio andando, sacar a pasear ao can ou subir e baixar escaleiras no tanto de empregar o elevador.
AUGA. A auga é fundamental na nutrición e deben beberse ao menos de 1 a 2 litros de auga diarios.
Suxestións para traballar na casa ou na aula
- Construír unha pirámide xigante: con caixas de cartón podemos facer unha pirámide xigante e que os pequenos coloreen os distintos alimentos sobre uns modelos impresos. Cando teñamos un bo número de produtos variados e recortados, construirase a pirámide saudable pegando o alimento no seu lugar correspondente.
Como identificar un produto ecolóxico
Para recoñecer os alimentos ecolóxicos temos que fixarnos na súa etiqueta. O etiquetado do produto ten que ser visible no envase a conter as seguintes referencias:
- O logotipo ecolóxico europeo
Trátase dunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde, que é sempre obrigatoria. No caso de alimentos certificados en Galicia, o código do órgano de control (ES-ECO-022-GA) e o selo Craega que así o certifique.
- O lugar de orixe dos ingredientes, que poden ser:
-Agricultura UE, cando as materias primas son da Unión Europea.
-Agricultura NO UE, cando os ingredientes son de terceiros países.
-Agricultura UE/NON UE, cando a orixe é mixta.