Ana Corredoira, gandeira e propietaria da granxa A Cernada, é tamén socia da cooperativa As Vacas da Ulloa, a través da cal se dedican á transformación e comercialización dunha parte da súa produción de leite. De aí xorde a marca de leite ecolóxico Sen Máis.
Dende pequena tiveches moi claro a que te dedicarías nun futuro, lembras como tomaches esa decisión?
Como filla de gandeiros e como cativa que naceu e que medrou nunha granxa, porque medrei entre vacas, creo que polo camiño imos xerando unha especie de arraigo e apego, non soamente a este oficio, senón tamén ao territorio, á terra onde medramos, así que esa decisión foi moi sinxela no sentido de que eu tiña moi claro que quería estar aquí e que quería que a miña vida e o meu camiño se desenvolvese neste territorio. A decisión veu propiciada tamén polo momento do relevo xeracional, no que o meu pai faltou, e a decisión de mirar ao futuro pasaba por manter este proxecto que os meus pais levantaron con tanto esforzo, proxecto do que formo parte dende o principio xunto co meu irmán, que é tres anos máis novo ca min. É unha iniciativa sobre a cal quería seguir traballando e escribindo esa historia familiar.
Ti estudaches bioloxía. Nunca pensaches noutras posibles opcións a nivel profesional?
Eu son bióloga de formación e o horizonte que se abre para unha persoa unha vez remata ese camiño da universidade é diverso. Cando saes da universidade, falo con moitísimas ganas, con moitísima enerxía, pero a verdade é que ningunha das opcións era o suficientemente apetecible porque case todas pasaban por ter que marchar e afastarme da miña familia, da miña orixe e das miñas raíces, polo tanto, eu creo que iso tamén facilitou un pouquiño o botar a ollada atrás e mirar ese punto de partida, que era a granxa, A Cernada, que tanto significaba para min e representaba na miña vida.
Como resumirías o teu percorrido profesional desde que comezaches ata agora?
Eu asumín o relevo e púxenme á fronte da nosa granxa xunto co meu irmán no ano 2014. Nese momento hai moitísima ilusión, moitísimas ganas, e tamén moita inexperiencia, moito descoñecemento, porque ao final é moi distinto traballar nunha granxa que exercer ese papel de dirección, de xestión, de toma de decisións, de responsabilidade… pero si que é certo que foi un camiño apaixonante. Creo que nós temos un traballo que é marabilloso, que nos permite estar constantemente mellorando, dándonos conta da nosa forma de facer e de mirar o futuro dende unha perspectiva moi ampla. Considero que o feito de ter o control sobre o que facemos, de ter ese enfoque de innovación, de mirar ao futuro sempre dende esa perspectiva e de coherencia co modelo de traballo que temos pero, sobre todo, seguir achegando valor a ese traballo, son varias das cousas que máis enriquecen o noso día a día e o noso traballo.
Como explicarías ti a importancia de producir en ecolóxico?
Creo que a produción ecolóxica é un diferencial que vai dende as produtoras ata as consumidoras. Para nós, como produtoras, creo que é a fórmula un pouco para darlle ese rigor a un modelo de produción coherente cuns principios, os de sustentabilidade, de produción e economía circular, que agora tanto se fala; na época de meus pais non se chamaba desa maneira, mais eles si que xa entendían que había unha forma determinada de traballar que era máis beneficiosa para o seu gando, para a súa terra, e tamén para eles, como produtores. Eu creo que iso é o que representa a produción ecolóxica: valor en orixe, coherencia, e un reforzo importante para un modelo que traballa a pé de terra para producir alimentos de primeira calidade, pero tamén para achegar un pouquiño máis de valor ás consumidoras, porque iso tamén é o que representa a produción ecolóxica a nivel de consumo: valor e un diferencial de garantía en torno a cal é o modelo de produción e cal é a forma de producir que empregan as persoas que están detrás deses alimentos.
Actualmente es unha figura pública, cada vez máis recoñecida. Como levas isto?
Creo que eu entro dentro dun perfil, por ser muller, por ser nova e, sobre todo, por asumir sendo moi nova a dirección dunha gandería, que dalgunha maneira iso tamén implica responsabilidade que nese momento asumo de comunicar, de querer chegar, e realmente contar a nosa historia, contar a nosa vida para que dalgunha forma se poida ver que é posible, que o podemos facer, que precisamos que cada vez máis xente nova, sobre todo máis mozas, miremos esta profesión, o rural e as aldeas coma unha alternativa de vida e traballo. Opino que a posta en valor deste modelo de vida, porque ao final este traballo é unha forma de vida, é importante para trasladar ás novas xeracións e comunicar desde a nosa realidade, e non desde unha utopía, porque é a fórmula de tratar de asentar proxectos aquí e de formar redes para que nos sintamos máis preto e máis arroupados.
Entón, consideras que podes ser un exemplo a seguir para moitas mulleres galegas?
Non me gusta pensar en que son exemplo nese sentido tan amplo, mais si que somos un modelo de emprendemento ligado ao rural, por ese proxecto de transformación, e somos un exemplo de modelo de xestión do territorio, tamén polas características que ten o noso equipo humano. Opino que iso pode achegar valor e, se dalgún xeito ese valor se pode replicar no territorio, estaremos plenamente satisfeitas.
Que plans tes de cara ao futuro a nivel profesional: manterse, mellorar ou dar algún cambio?
Vendo o enfoque familiar do que partimos, para nós era fundamental ligar a produción á comercialización, que foi un proxecto que desenvolvemos nos últimos anos. O noso produto e a nosa marca viu a luz recentemente e eu concibo que ese é o modelo realmente que queremos defender e que queremos seguir desenvolvendo. Controlamos a parte da produción pero queremos pechar ese ciclo para realmente reverter valor no noso traballo e na nosa vida aquí. Polo tanto, o futuro pasa por iso: por innovación, por seguir aplicando o desenvolvemento á nosa vida e ao noso traballo aquí, seguir achegando alimentos de calidade e diferenciais e continuar trasladando esta historia e esta forma de facer ás consumidoras.