• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

As ganderías Casa Codesal e Granxa Ecolóxica Figueroa triunfan unha vez máis nos VII Premios Exceleite

O pasado venres día 1 de decembro celebrouse en Santiago de Compostela unha nova entrega dos VII Premios Exceleite, convocados pola Consellería do Medio Rural. Neste evento foron premiadas dúas ganderías ecolóxicas: Casa Codesal (Friol), co exceleite de ouro, e Granxa Ecolóxica Figueroa (Arzúa), co exceleite de prata.

 

O presidente de Xunta, Alfonso Rueda, asistiu aos VII Premios Exceleite, que se celebraron en Santiago de Compostela o pasado venres día 1 de decembro. Durante a súa intervención, enxalzou o papel dos gandeiros á hora de consolidar Galicia como unha potencia leiteira que aposta pola excelencia e a produción sustentable. Así mesmo, salientou que a comunidade galega foi na que máis medrou a produción de leite nos últimos catro anos: actualmente concentra arredor do 42 % do total rexistrado de España.

Rueda agradeceu os gandeiros o seu compromiso e traballo diario, que fan que o sector lácteo galego sexa un referente a nivel internacional: “Grazas a vós o noso leite ten esa sona internacional tan ben gañada fóra de Galicia”, trasladoulles aos gañadores. Tamén puxo en valor a súa contribución á marca Galicia Calidade.

Unha das catro categorías dos Premios Exceleite 2023 era a de ecolóxica, na cal saíron premiadas dúas ganderías, as mesmas que no ano 2022: Casa Codesal, de Friol (Lugo), co exceleite de ouro, e Granxa Ecolóxica Figueroa, de Arzúa (A Coruña), co exceleite de prata. As dúas contan coa certificación do Craega e cunha longa traxectoria na produción de leite ecolóxico.

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.