Ten intención de probalo, pero aínda non caeu nas súas mans. Con varios premios ás súas costas, a apicultora lalinense Avelina Calvo Munín non é quen de falar do mel chinés con coñecemento de causa. “Cando din por aí que hai un produto moi barato no mercado, o asunto non soa ben. O que está claro é que non pode ser tan puro como o de aquí”, advirte.
A súa empresa, Mel O Cortizo, sumaba días atrás un novo galardón na cata que organiza a Consellería de Medio Rural e que xa acadou a décimo sétima edición. Con selo ecolóxico do Craega, mereceu a máxima distinción -ouro- na categoría multifloral. “Desta vez ten bastante breixo e un ton máis escuro do habitual. O sabor é moi intenso”, explica Calvo Munín. “É un produto natural e iso nótase. Vén dos montes de Zobra, entre O Candán e O Testeiro”, engade.
Esa singularidade que se percibe no padal foi precisamente a que inclinou a balanza ao seu favor. De carácter familiar, O Cortizo posúe 200 colmeas das que se recollen arredor de mil quilos de mel. “O tempo inflúe moito. Este ano comezou moi ben. Houbo condicións favorables para a floración, pero despois veu moita choiva e xa se estragou a colleita”, sinala.
O Cortizo tampouco se libra da vespa velutina. “Coñecina non hai moito e agora estamos á espera de que nos veñan retirar dous niños. É unha mágoa ver como atacan as colmeas”, lamenta.
Este mel ecolóxico de premio pode atoparse en puntos como a Praza de Abastos de Santiago e tendas especializadas. Para potenciar aínda máis o seu sabor, Avelina Calvo suxire untar filloas e torradas ou mesturalo con requeixo.